Alertan de que cos incendios hai risco de que algunhas especies non recoñezan o clima autóctono

Incendio en Tarascón (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, asegura que a situación que vive a Galiza é consecuencia dun cambio climático "de fondo e dun cambio socioeconómico que provocou unha acumulación de masa forestal. Para evitar novos fogos demanda intervir de terras e promocionar o consumo de proximidade.

A situación actual de incendios que afecta a grandes extensións de territorio na Galiza está a ser analizada estes días por especialistas.  O  director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, explica que os feitos que se desencadearon son consecuencia do "choque" entre un cambio climático "de fondo" no que a vexetación está en peores condicións vitais; e o cambio socioeconómico, que provocou unha acumulación de masa forestal.

Por este motivo, indicou que aínda que no caso do cambio climático, a solución ten que ser "global" no aspecto socioeconómico "pódese actuar localmente" e é neste ámbito no que se propoñen solucións: intervención da terra para xestionala e ordenala e consumo local como medida indirecta de "prevención".

A capacidade de recuperación pode desaparecer

Unha das cuestións que estudan os científicos é o que acontece cando os incendios "son moi frecuentes e moi intensos, a capacidade de recuperación chega un momento en que desaparece" mesmo “aínda que lle deamos todo o tempo do mundo".

Na Galiza pon algúns exemplos que poden "sorprender", como é o caso do Monte Pindo. "Iso que nos chama tanto a atención, eses 'penedos'  ven porque unha parte moi importante levoullo a choiva", apuntou, á vez que recoñeceu que esa mesma circunstancia permitiu, no seu momento, "fertilizar rías".

E noutros lugares podería contecer o mesmo. "O que nos quedan son pedras e sabemos que nos pode pasar". Por este motivo Picos chama a "tomar medidas canto antes" e viu como punto positivo o feito de que non estamos en época de choivas intensas. Como contrapunto, lembrou que aínda queda "moito verán" e isto pode propiciar que sigan os incendios.

Considera que é moi importante “romper” a espiral de incendios e que, “ao pouco de que se recupere, volva haber outro incendio, porque isto pode levar a etapas máis primitivas, a zonas de pequena matogueira e, sobre aí, non vai crecer nada".

Enfraquecemento de especies

De feito, apuntou a un dos estudos realizados por José Antonio Vega, catedrático e membro do departamento do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, que apuntaba os "incipientes" efectos do cambio climático e no que se recollía, por exemplo, o descenso da humidade no sur de Ourense e Pontevedra, máis aguilloado na primeira zona, como un "síntoma" do cambio.

Á súa vez, a baixa humidade provoca maior seca do terreo, e por tanto, máis risco de combustión.

Isto, engadiu Picos, sostén un "enfraquecemento de especies" por atoparse en climas "non tan adecuados" para a súa supervivencia natural. É dicir, aquelas especies que estean "ao límite" das súas condicións, serán máis "susceptíbeis" a pragas, perda de follas ou unha peor situación sanitaria, xa que dado que non se poden mover, "atópanse nun sitio non adecuado para eles".