Alertan dunha nova seca do caudal nun río da conca Miño-Sil en pleno outono

Aspecto do río Cadós, cun caudal baixo e contaminación. (Foto: Plataforma Auga limpa xa!)
A delegación ourensá de Ecoloxistas en Acción dá conta dun novo episodio de baixada de caudal no río Limia. Aliás, achega unha imaxe tomada pola Plataforma Auga Limpa Xa! para amosar que nunha zona do encoro das Conchas volveron aparecer "toxinas" e "cianobacterias" ante o que consideran un "abandono institucional". Os datos de ocupación nas presas seguen a ser preocupantes en pleno outono.

Os datos eran alarmantes en pleno verán e nalgúns casos seguen a selo. As e os membros de Ecoloxistas en Acción en Ourense trasladaron a través das redes sociais a súa fonda preocupación polo estado de ríos como o Limia e o Cadós.

Na súa conta de Twitter a delegación ourensá da organización ecoloxista interrogou -sen resposta- á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre a ausensia de "caudal do río Limia".

Así mesmo, botou man dunha imaxe tirada pola Plataforma Auga Limpa Xa! -co eixo central das súas loitas na contaminación industrial das augas na comarca da Limia- para advertir de que á altura do río Cadós, o encoro de As Conchas volve aparecer con pouco caudal.

Ademais, fan fincapé no verde da auga, que implica a presenza de "toxinas e cianobacterias", o que consideran froito do "abandono institucional".

Respecto do baleirado, os datos a 19 de outubro de 2021 seguen a ser preocupantes. Por exemplo, o encoro de As Conchas atópase ao 31,25% da súa capacidade cando o ano pasado polas mesmas datas estaba por encima do 46%.

Aliás, en Cenza detéctase auga embalsada que ocupa só o 12,50% do espazo reservado, cando a media dos últimos dez anos foi de máis do 47% e o ano pasado na mesma semana estaba ao 30%.

Malia que a capacidade de As Portas é moito máis elevada, só está cheo ao 14,74% da súa capacidade fronte ao 61,75% do período de referencia do ano pasado. Mesmo a presa dos Peares, que está case ao 100% (ao 91,76% sitúase por debaixo dos números do pasado exercicio).

Detrás parece estar a falta de precipitacións, pero fundamentalmente acúsase de novo ao excesivo baleirado por parte das eléctricas, o que podería implicar nalgúns casos carencia do respecto polos caudais ecolóxicos dos ríos.

Un contexto de enfrontamento

En agosto deuse a coñecer un episodio de baleirado do río por baixo da presa de Salas, tamén na conca Miño-Sil, o que provocou que a Consellaría de Medio Ambiente abrise un expediente sancionador contra o organismo xestor da conca "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca".

Porén, este, que depende do Estado español, acusou o departamento da Xunta de manipular a información sobre a comunicación do baleirado das presas de As Portas e Cenza, de cuxo baixo caudal tamén alertaron as entidades ecoloxistas.

Esas semanas estiveron marcadas polas acusacións mutuas entre administracións públicas.

Curiosamente, segundo estimou Nós Diario o pasado 25 de agosto, catro de cada seis presas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estaban por debaixo da metade da súa capacidade.

A auga encorada, facendo unha media, non chegaba ao 48% mentres que na mesma época de 2020 o nivel de ocupación abeiraba o 70% do espazo dispoñíbel.