Adrián Regos: "A inflamabilidade de especies como o carballo non ten nada que ver eucalipto"

Monte comunal na contorna do Castro de Bexo, no concello de Dodro. (Foto: Verdegaia).
A conservación das turbeiras, chave na regulación do cambio climático

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela advirten do risco dunha reforestación masiva "se non se acompaña dunha planificación e xestión adecuadas".

A súa chamada de atención responde á iniciativa da Unión Europea (UE) de plantar 3.000 millóns de árbores de aquí a 2030 co obxectivo de loitar contra o cambio climático, unha proposta que recolle, entre outras, no denominado Pacto Verde -Green Deal-.

O acordo da UE pon o foco nos bosques como grandes reservas de carbono que contribúen a compensar o aumento de dióxido de carbono que se emite á atmosfera. Neste sentido, o Pacto Verde aspira a restaurar aqueles espazos naturais con maior potencial para captar e almacenar carbono a través de diferentes iniciativas como a reforestación.

Investigadores da USC, en colaboración con colegas de Portugal, de Catalunya e do CSIC veñen de publicar un artigo na revista Global Change Biology no que alertan das consecuencias negativas dunha reforestación masiva que non teña en conta as especies que se usan nas plantacións, o seu posíbel impacto na actividade agrogandeira nin o papel que poden xogar outros hábitats na regulación do cambio climático.

"Estamos ante unha directriz europea, mais non se pode aplicar de forma homoxénea en todos os territorios", advirte Adrián Regos, investigador posdoutoral da USC, "nin a nivel climático nin forestal nin de réxime de incendios".

Risco de incendio

No caso da Península Ibérica, ao igual que noutras zonas do sur de Europa, explica Regos, estase a dar un aumento considerábel das masas forestais ben como consecuencia de procesos de abandono ben como resultado de novas plantacións. Acontece na Galiza, "onde o que antes eran prados ou cultivos acaban sendo matogueira e finalmente bosque" e onde o aproveitamento forestal favoreceu a presenza de piñeiro e eucalipto.

"Isto fai que a maior parte das veces teñamos masas de vexetación sen xestionar, con especies bastante inflamábeis, nunhas condicións de seca cada vez máis acusadas que incrementan o risco de incendio e que axudan a explicar boa parte dos grandes lumes forestais que teñen lugar na nosa contorna e noutras partes do mundo".

Debemos aspirar a un bosque máis diversificado e multifuncional que incorpore as madeiras nobres

Adrián Regos avisa dun risco de incendios asociado "maior do que xa temos" se non se planifica ben onde e con que especies se debe levar a cabo unha reforestación como a que promove a UE. "Se xa non somos capaces de xestionar o monte que temos, vai ser máis difícil se aspiramos a máis sen unha boa planificación" desas masas que serían combustíbel para futuros incendios, "que ao arder, perderían sentido de cara á captación de carbono" e a mitigación do cambio climático, afirma.

As plantacións masivas poderían ter sentido en zonas deforestadas e degradas, matiza o investigador da USC en conversa con Nós Diario, mais na nosa contorna "hai outros hábitats cunha boa capacidade de almacenamento de carbono e de regulación climática que se están perdendo, como poden ser as turbeiras, as brañas, os pastos e incluso o mato", sinala Regos, quen avoga por darlle prioridade ao valor de conservación destas especies.

Conservación e regulación climática

A plantación de árbores non pode ser "un lavado de cara" no obxectivo de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, conclúe Adrián Regos. "Non pode converterse nunha trampa. Galiza ten unha das masas forestais máis altas do Estado. Que sentido ten incrementala se non se fai ben? Debemos aspirar a un bosque máis diversificado e multifuncional que incorpore as madeiras nobres", di, non só as de crecemento rápido.

"A inflamabilidade de especies como o carballo non ten nada que ver eucalipto, e xa hai estratexias que procuran o cambio dunha tipoloxía forestal a outra -de piñeirais a carballeiras- co fin de lograr paisaxes máis intelixentes e resistentes". A chave, afirma, está na xestión das masas forestais, "mais tamén na súa composición e conectividade" pensando no seu beneficio económico, no seu valor de conservación e na mitigación  do impacto climático.