Alertan da falta de docentes en listas de substitución para algunhas especialidades do sistema educativo galego

A CIG-Ensino traslada á Consellaría de Educación a urxencia da actualización das listaxes de substitucións (Foto: Xunta da Galiza)
A falta de docentes substitutos nalgunhas listaxes como a de Francés de Primaria, Portugués de Secundaria e Procesos de Produtos e Artes Gráficas en FP “está facendo que estean a piques de esgotarse”, alerta o sindicato CIG-Ensino, que trasladou á Consellaría de Educación a urxencia da actualización das listaxes de substitucións.

A CIG-Ensino dirixiuse á Consellaría de Educación para trasladarlle a necesidade de que se actualicen as diferentes listaxes de substitucións de todas as especialidades coas persoas que non superaron o procedemento selectivo de acceso aos corpos docentes.

Neste comezo de curso, sinala o sindicato nacionalista, xa se detectou o esgotamento de listaxes sen actualizar en varias especialidades como Francés de Primaria, Portugués de Secundaria ou Procesos de Produtos e Artes Gráficas en Formación Profesional polo que, para evitar problemas na cobertura das substitucións, instan a Administración a que as actualice “inmediatamente e acelere igualmente as das demais especialidades”.

O sindicato asegura que desde a Consellaría xa lle avanzaron que a lista de Francés de Primaria foi actualizada mais que case non se incorporou ningunha persoa da novas opositoras. Tendo en conta que isto xa vén sendo habitual nos últimos cursos, a CIG considera que a Consellaría “debería presentar en Mesa Sectorial unha proposta para a cobertura de vacantes desta especialidade”. Profesorado en listas sen mestrado de profesorado

Por outro lado, di a CIG, a Consellaría vén de confirmarlle que a interpretación que fai a Administración do texto engadido no curso pasado ao acordo do persoal interino asinado por outros sindicatos, (“mentres non se dea por finalizado o curso no que as autoridades correspondentes determinen a fin das circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia”) supón que seguirán a ser chamadas, no lugar que obtiveron en listas no curso 2020/21, as persoas que traballaron o curso pasado sen ter feito o mestrado de profesorado, procedendo no momento en que se anulen estas medidas excepcionais a eliminalos das listaxes ao non poder consolidar postos sen esa titulación. Esta decisión implica, por tanto, unha consolidación temporal durante o presente curso.