Alertan da ameaza á Rede Natura 'Pena Trevinca' pola contaminación da mina de Penouta

“Altas concentracións de metais pesados con impacto inmediato sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000.

Ecoloxistas en Acción alerta da ameaza á Rede Natura "Pena Trevinca" pola contaminación da mina de Penouta. A organización solicita que o proxecto de explotación da mina de Penouta en Viana do Bolo sexa denegado, “pois implicaría a continuación de verteduras directas con altas concentracións de metais pesados con impacto inmediato sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000”.

Neste sentido, denuncian que as masas de auga de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca, Balsa Frente de Explotación e Rego dos Corvos superaran en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, “evidenciando o estado de contaminación grave por metais pesados actual e a ausencia de calquera previsión de tratamento ".

A mina da Penouta no concello de Viana do Bolo, alertan as ecoloxistas, é un gran foco de contaminación con metais pesados das masas de auga circundantes (situadas en Rede Natura 2000), tanto polas características xeoquímicas do xacemento como polo “incumprimento por parte das sucesivas concesionarias e da administración das súas obrigas en materia de restauración do espazo afectado por actividades mineiras”.

Millóns de toneladas

Ecoloxistas en Acción alerta dos riscos asociados na mina á extración de máis de 100 millóns de toneladas (50 Mt na primeira fase que contempla este proxecto e outros 53 Mt de mineral nunha seguinte etapa continuando a explotación cara cotas inferiores), “que deixarían detrás 25,6 millóns de metros cúbicos de residuos xeradores de drenaxes ácidas só para a primeira fase".

ASeguran, aliás, que, expostos ás condicións de meteorización en superficie, "producirán de forma constante drenaxes ácidas de mina capaces de contaminar as augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluídas substancias perigosas prioritarias, nunha zona contigua a varios espazos protexidos da Rede Natura”.