Alerta vermella polo temporal en varios pontos do país a partir das 18 h

temporal

O nível de alerta pola borrasca Ana -vinda de Groenlandia- vai ser vermello a partir das 18 horas  nas Rías Baixas, O Miño, en comarcas pontevedresas interiores, ben como nas montañas de Ourense e Lugo, segundo informa a Xunta.

Nos pontos de alerta vermella -decretada pola Axencia Española de Metoroloxía (Aemet). os ventos poderían alcanzar os 140 quilómetros/hora.

 

O temporal obrigou a desviar a Madrid dous avións que tiñan previsto aterrar en Vigo, un deles, procedente de Arxel, era no que viaxaba a delegación galega da Sogaps -Solidariedade Galega co Pobo Saharaui- que recentemente visitou os campamentos de refuxiados saharianos de Tinduf. 

 

No resto do país, fóra dos pontos vermellos, a alerta é laranxa e a previsión é que ventos de até 120 quilómetros por hora azouten o litoral e as zonas altas. A borrasca alcanzará o seu pico por volta das 15 horas e até a medianoite, logo irá perdendo forza, mais o seu epílogo se prolongará até as últimas horas desta segunda feira.

 

O temporal traerá intensas chuvias, que serán aínda máis abundantes en comarcas pontevedresas. Agárdase que as precipitacións superen os 120 litros por metro cadrado en toda a Galiza.

 

Para estremar as medidas de seguranza, os concellos de A Coruña, Ferrol e Santiago decretaron a suspensión das actividades ao ar libre. Aliás, a Federación Galega de Fútebol cancela todos os partidos programados a partir das 15 horas.