O incendio de Baleira xa arrasa 330 hectáreas e provoca desaloxos tamén na Fonsagrada

O incendio activo en Baleira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O incendio permanece activo desde as 17 horas da terza feira tras declararse na parroquia de Cubilledo. O forte vento que afecta a zona, con refachos de vento de até 70 quilómetros por hora e con dirección cambiante, condicionou o traballo dos equipos de extinción desde o seu inicio.

A Xunta activou a situación de emerxencia por risco a núcleos habitados no incendio declarado o martes en Baleira (comarca da Fonsagrada), onde arderon xa 330 hectáreas nun fogo condicionado polo forte vento na zona, que impide desde este mediodía a actuación de medios aéreos de extinción.

O vento e a proximidade das chamas ao núcleo de Fórneas obrigou a Consellaría do Medio Rural a decretar por prevención minutos antes das 17 horas a coñecida como 'situación 2', que se activa cando as chamas de incendios forestais ameazan puntos habitados.

O incendio permanece activo desde as 17 horas da terza feira tras declararse na parroquia de Cubilledo. O forte vento que afecta a zona, con refachos de vento de até 70 quilómetros por hora e con dirección cambiante, condicionou o traballo dos equipos de extinción desde o seu inicio.

De feito, os medios aéreos que participaban do operativo tiveron que retirarse ao redor das 13 horas e, catro horas despois, aínda non puideron regresar a un dispositivo no cal, até o momento, participaron tres técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 13 motobombas e unha pa.

Fonsagrada

Segundo unha testemuña recibida por Nós Diario, as chamas xa chegaron ao concello da Fonsograda e o fume e visíbel en Asturias. Ademais, varias aldeas xa tiveron que ser desaloxadas por mor das chamas.

Seis incendios máis

Ademais do de Baleira, outros seis incendios máis permanecen activos na tarde desta cuarta feira en varios puntos do país.

En Viveiro (parroquia de Vieiro) e Taboada (parroquia de Xián) desde minutos antes das 14 horas. Neste último arderon máis de 20 hectáreas, mentres que no primeiro non hai datos sobre a magnitude de terreo afectado, segundo a Consellaría do Medio Rural.

En Ferrol, un incendio que continúa activo calcinou cinco hectáreas desde o seu inicio ás 14.30 horas deste martes na parroquia de Brión. Tamén están activos fogos en Viana do Bolo (parroquia de Covelo) e en Padrenda. Sobre estes, tampouco hai primeiras estimacións de superficie afectada polas chamas.

Por último, Medio Rural tamén informou doutro fogo forestal declarado na tarde desta quinta feira na parroquia de Lagoa, no municipio de Alfoz. As primeiras estimacións sitúan a superficie afectada en 20 hectáreas.