Alerta laranxa no litoral galego polo temporal

Unha muller camiña este domingo pola Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Deixará ondas que poderían superar os sete metros de altura.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) vén de informar da chegada, este domingo, dun temporal que afectará á costa galega.

Deste modo, todo o litoral fica en alerta laranxa por un fenómeno adverso no mar, que deixará ventos de forza oito e ondas que poderían superar os sete metros de altura.

Segundo as previsións, os primeiros efectos empezarán a ser palpábeis na costa de Lugo mediada a tarde deste domingo, e se estenderá ao noroeste, oeste e suroeste do litoral coruñés e ás Rías Baixas a primeira hora da mañá desta segunda feira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou do decreto da alerta laranxa aos concellos afectados; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarias de Protección Civil e clubs náuticos.

Recomendacións

Por mor do temporal, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa mentres dure a alerta.

Así, apela a evitar diques, rompentes, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser barridas polo mar.

Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.