Declárase a alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Anllóns

Ponte sobre o río Anllóns, nunha imaxe de arquivo. (Fonte: Wikipedia)
Tamén se manteñen as medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, desde o que se abastece o concello de Baiona.

A Xunta da Galiza activou a declaración de alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Anllóns, até o límite de Arteixo.

Así o acordou a Oficina Técnica da Seca nunha reunión esta segunda feira, presidida pola directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, que estivo acompañada do xerente da entidade hidráulica da Xunta, Gonzalo Mosqueira, e na cal participaron representantes de Protección Civil, Meteogaliza, a Consellaría do Medio Rural e a Consellaría de Sanidade.

Segundo explican nun comunicado, a semana pasada a directora de Augas da Galiza reuniuse cos representantes dos municipios do sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña, para abordar a situación de alerta por escaseza que xa estaba activa neste sistema e que a Oficina Técnica da Seca confirmou.

As reservas do encoro de Cecebre seguen baixando, apuntan, cunha ocupación actual de 43,61%. Con todo, matizan que a pesar da "incerteza" na evolución do volume embalsado en Cecebre para as próximas semanas e na capacidade da Coruña e os municipios da área para diminuír as demandas, a situación "non é alarmante" a curto prazo desde o punto de vista do abastecemento, xa que esta zona conta cunha reserva importante de auga no lago das Encrobas.

No encontro tamén se avaliou a situación meteorolóxica e concluíuse que, tras un setembro con precipitacións tormentosas e irregulares, o mes de outubro comeza seco e cálido, aínda que se prevén as primeiras borrascas na segunda quincena.

Aínda que as choivas da primeira quincena de setembro produciron un incremento puntual do caudal medio diario dos ríos, este baixou rapidamente, recuperándose os valores previos.

Tras analizar estes indicadores, tamén se confirmou o mantemento da situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Lérez e a ría de Pontevedra.

Medidas

Tamén se manteñen as medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, desde o que se abastece o concello de Baiona.

Por último, confirmouse na reunión o mantemento da activación da situación de seca prolongada, que mide fundamentalmente as precipitacións rexistradas, nos sistemas de explotación do río Mero a Ferrol, e do río Mera á ría de Ribadeo.

A situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica presenta niveis de normalidade. A ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galiza-Costa é de 64,44%, 6,16 puntos por encima da ocupación do mesmo período para o ano 2022.