Alerta ante a detección de casos de hepatite aguda en crianzas

A orixe da doenza nestes momentos é descoñecida (Foto: Europa Press).
Polo de agora, non se teñen rexistrado casos desta doenza en crianzas na Galiza.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou onte que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "está alerta", logo de que o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade, informara onte as comunidades autónomas da detección de varios casos de hepatite aguda, de orixe descoñecida, en rapaces menores de 10 anos. Por este motivo, desde o Ministerio realizouse unha comunicación a todas as comunidades autónomas para realizar unha "observación e procura activa" de posíbeis casos. 

Comesaña, informou que todos os profesionais de atención primaria, urxencias hospitalarias e extra hospitalarias (PAC) e os servizos de pediatría dos hospitais permanecen vixiantes, aínda que na Galiza, polo de agora, non se ten detectado ningún caso. O conselleiro de Sanidade di "estar en contacto" coa ministra do Executivo estatal Carolina Darias, coa que falou antonte e asegurou que a "sanidade galega está preparada ante a  posíbel detección dalgún caso desta hepatite aguda de orixe descoñecida".

A hepatite aguda

A hepatite é unha inflamación no fígado que pode afectar as funcións deste órgano que é fundamental para funcións como a depuración de moitas substancias no organismo ou o tratamento dos nutrientes.

A causa desta alerta deuse tras teren sido detectados até tres casos de nenos infectados por unha hepatite aguda severa de orixe descoñecida no Estado español. Os afectados son menores de entre dous e sete anos de idade que proceden de Madrid, Aragón e Castela-A Mancha e requiriron ingreso hospitalario. Un deles tivo que someterse a un transplante hepático. De todos os modos, os tres casos evolucionan de forma favorábel.

Casos en Europa

O Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades (ECDC, polas súas siglas en inglés) informou dun aumento de casos de hepatite aguda en nenos durante as últimas semanas no Reino Unido.

O organismo europeo detalla que o cadro clínico nos casos identificados é o dunha hepatite aguda grave, ás veces precedida por síntomas gastrointestinais que inclúen vómitos como característica prominente, en nenos de até 16 anos de idade.