"No nome de Deus, marcha": os escándalos acurralan Boris Johnson

Os "viños das sextas feiras" programados polo seu goberno durante toda a pandemia e os vídeos nos que aparece en festas sen cumprir a normativa sociosanitaria levan a Cámara dos Lords, incluída boa parte da formación conservadora, a pedir a dimisión de Johnson.
O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, nunha sesión parlamentaria (Foto: Europa Press).
photo_camera O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, nunha sesión parlamentaria (Foto: Europa Press).

O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, está cada vez máis perto de abandonar Downing Street. A Cámara dos Lords, incluído un nutrido grupo de deputadas e deputados conservadores, intenta forzar a súa renuncia desde que a pasada semana recoñecera ter asistido a festas durante o primeiro confinamento.

Na sesión de control ao Goberno decorrida esta cuarta feira, a deputada liberal-demócrata Wendy Chamberlain preguntoulle se lle "chegou" a hora de dimitir, ao que Johnson respondeu cun contundente "non".

Así, insistiu en que xa presentou "desculpas sinceras" por "calquera erro cometido", e pediu ás e os parlamentarios agardaren ás conclusións que levou a cabo Sue Gray, a funcionaria británica que está a investigar as festas do Executivo.

Tamén o líder laborista, Keir Starmer, puxo en dúbida se o primeiro ministro comprendía as restricións que el mesmo impuxera no marco da pandemia, salientando que as súas palabras a respecto da polémica son "ridículas" porque intenta "defender o indefendíbel". "Johnson está fóra de control, non ten ideas e moi cedo estará fóra de Downing Street", engadiu, en declaracións á cadena pública BBC.

Durante a sesión, un veterano deputado conservador, David Davis, instou Johnson a abandonar o cargo, subliñando ante a Cámara que agarda que os líderes asuman a "responsabilidade" dos seus actos: "No nome de Deus, marcha", díxolle ao seu compañeiro de partido.

O "viño das sextas feiras"

O pasado sábado o xornal Daily Mirror deu a coñecer un novo incumprimento da normativa sociosanitaria por parte de Johnson. O persoal de Downing Street tería celebrado reunións sociais nas que se consumía viño e cervexa todas as sextas feiras ao longo da pandemia.

Estes eventos, alcumados pola prensa británica como o "viño das sextas feiras", estaban programados de forma automática cada semana nas axendas de medio centenar de empregados da oficina do primeiro ministro, e mesmo chegaban a prolongarse até medianoite.

Os conservadores deciden

As regras do Partido Conservador estipulan que se pode activar o mecanismo da moción se 15% dos parlamentarios tories así o queren. O número crucial agora é 54, dado que actualmente hai 360 deputados conservadores, logo de que Anne Marie Morris fose apartada por votar en contra do Goberno.

Neste caso, Johnson tería que obter o apoio de polo menos a metade dos seus deputados, 180, para permanecer á fronte do Executivo e ficaría exento de ser sometido a outra moción de censura durante un ano.

Comentarios