Alerta na costa por fortes ondas e nas zonas de montaña polas nevadas

Imaxe do mar na cidade da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Educación suspende o transporte escolar en varias localidades.

O temporal Gérard, de fortes ventos e chuvias abundantes, deixou pegada na Galiza no día de onte. De feito, entre as 00 horas e o mediodía desta segunda feira, o 112 Galiza xa computara un total de 123 incidencias. Ao fechamento desta edición contabilízanse 25o incidencias.

As alertas máis repetidas no territorio galego foron as caídas de árbores e ramas nas estradas (71 en total), seguidas daquelas relacionadas coa prevención de risco (12) e a caída de cables sobre as estradas (9), incluíndo o derrubamento sobre a rúa da fachada dun edificio abandonado no barrio de Esteiro de Ferrol, sen danos persoais.

Algunhas Administracións xa tomaron medidas ao respecto (o Concello da Coruña, que fechou parques e praias polo mal tempo e como medida de precaución) e tamén tiveron lugar inundacións puntuais. De feito, o 112 activou na madrugada de onte o Plan especial de protección civil Inungal polo aumento do caudal e o posíbel desbordamento de once ríos galegos.

En concreto, a alerta activouse nos ríos Lérez (Pontevedra), Mera (Ortigueira), Furelos (Santiso), Mandeo (Betanzos), Ouro (Foz), Parga (Guitiriz), Ladra (Vilalba), e Tambre (Oroso).  

Alerta por neve

A Delegación do Goberno español na Galiza activou na súa fase de alerta o Plan de vialidade invernal na rede de estradas do Estado ante a chegada da borrasca Fien. Esta medida adóptase ante as predicións meteorolóxicas de neve nas zonas montañosas da Galiza e actualizarase en función dos partes meteorolóxicos que emita a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) nos próximos días.

A Delegación "mobilizará todos os recursos galegos dispoñíbeis para neutralizar os efectos que provoquen o frío e a neve nas estradas", sinala.

Ensino

A Xunta da Galiza anunciou para hoxe a suspensión do transporte escolar en zonas de montaña -de forma parcial nalgunhas localidades- e das actividades extraescolares. O Executivo galego estudaba onte se suspender ou non as aulas polo temporal. A Xunta asegurou que as decisións tomaranse con base nos informes de MeteoGaliza.

Desde a CIG-Ensino criticaron a Consellaría de Educación por comunicar esta decisión "ás 15 horas" de onte e por "descargar" na dirección dos centros "a responsabilidade de tomar decisións que non lles competen". 

O sindicato tamén advirte de que naquelas áreas onde a suspensión do transporte é parcial "haberá alumnado que vai ser transportado ao centro pola mañá e non vai ter servizo de transporte para volver ao seu domicilio ao mediodía".