Alerta amarela en toda a costa galega esta sexta feira por ondas de até cinco metros

Dúas persoas ven romper as ondas na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Rompe o espigón do porto de Aguete, en Marín

A borrasca Nelson, que afecta Galiza desde comezos de semana, activará esta sexta feira a alerta amarela en toda a costa galega por ondas de até cinco metros.

Segundo informou Meteogalicia, o aviso de nivel amarelo permanecerá activo durante toda a xornada e en toda a costa por ondas que oscilarán entre os catro e os cinco metros.

Ademais, tamén haberá alerta amarela por mar de vento de forza 7 na costa noroeste e na Costa da Morte. Para o sábado, non se prevén máis avisos activos.

Esta quinta feira deixou refachos de vento que chegaron aos 123 km/h no Penedo do Galo, en Viveiro (A Mariña), e ao ancho e largo do país numerosas incidencias. Entre elas, asolagamentos, árbores caídas sobre as estradas e estragos provocados polas fortes ondas que bateron contra a costa.

Espigón do porto de Aguete

Precisamente, na noite da cuarta á quinta feira, o mar arrincou parte do espigón do porto de Aguete, en Marín (O Morrazo). Ademais, a estrada que une este concello con Pontevedra tivo que ser fechada debido á inundación que provocou a subida da marea.

Na Mariña, o Concello de Ribadeo decidiu fechar ao público a praia de Augas Santas (coñecida como das Catedrais) para evitar risco de desprendementos ante un temporal que obrigou a activar unha alerta laranxa por ondas de máis de sete metros en todo o litoral galego. Este aviso manterase hoxe, mais xa en nivel amarelo, con ventos máis frouxos e menos precipitacións.

Nas comarcas da montaña os fortes ventos estiveron acompañados da neve, que condicionou a circulación en estradas como a OU-0704 ao seu paso pola Pobra de Trives, ou a A-6 en Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares), onde a Dirección Xeral de Tráfico recomendou "transitar con precaución".