Alemaña mira a Pontevedra para estudar e analizar as cidades pensadas para as persoas

Lores reunido cos represenantes do Ministerio alemán, esta quinta feira 24 de agosto en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)

Representantes do Ministerio Federal Alemán de Vivenda, Urbanismo e Construción mantiveron esta quinta feira unha xuntanza co alcalde da cidade do Lérez

Desde esta quinta feira, 24 de agosto, e até o sábado, 26 de agosto, a Pontevedra será visitada polos responsábeis do estudo encargado polo Ministerio Federal Alemán de Vivenda, Urbanismo e Construción (BMWSB) e a súa Oficina Federal de Construción e Ordenación do Territorio (BBSR) a través do Fraunhofer Institute for Systems and Innovation Research ISI (Karlsruhe) e os seus asociados co fin de aprender das «cidades máis avanzadas de Europa», tal e como sinalaron na petición formal que realizaron ao consistorio pontevedrés.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha entrevista desde primeira hora da mañá con estes representantes, tratando de achegar as diversas claves do modelo urbano co que Pontevedra foi convertida “nun referente mundial”.

Cómpre sinalar que no estudo que están realizando desde Alemaña analízanse sete casos ou cidades, figurando entre elas París, Delf, Viena e Pontevedra, entre outras.

Seguindo as palabras do rexedor, o estudo pon o foco na construción de cidades pensadas para as persoas, con base na redución de tráficos innecesarios e excesivos «que hai en todas as cidades do mundo».

Os investigadores, ademais de falar co alcalde, tamén se citarán con outros responsábeis municipais, así como con técnicos locais.

«Para nós é un orgullo que o Ministerio de Urbanismo alemán se fixe en Pontevedra así como noutras cidades ao sermos vangarda neste eido, tratando de mellorar e construír cidades de alta calidade de vida pensadas para todas as persoas», indicou.