Máis de 4.000 alegacións contra o macroproxecto do Celta en Mos: "É un pelotazo urbanístico"

Presentación das alegacións, esta mañá, diante da sede da Xunta en Vigo. (Foto: Nós Diario)
A Comunidade de Montes de Tameiga, acompañada de representantes de Ecoloxistas en Acción, a plataforma A Auga é Vida ou as agrupacións locais de PSOE e BNG, rexistra na sede da Xunta da Galiza en Vigo milleiros de alegacións contra a Factoría do Deporte-Galicia Sports360, declarada "proxecto de interese autonómico" polo Goberno de Alfonso Rueda.

A falta dun día para que remate o prazo de exposición pública da Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 (GS360) que impulsa o Real Club Celta nos montes de Tameiga, en Mos (comarca de Vigo), e que a Xunta da Galiza declarou "proxecto de interese autonómico", a Comunidade de Montes de Tameiga vén de trasladar formalmente a súa oposición. O colectivo presentou esta mesma mañá, na delegación da Administración galega en Vigo, máis de 4.000 alegacións contra o citado recoñecemento de "interese autonómico" a un proxecto que, entenden, busca "construír un centro comercial e de lecer nos montes comunais de Mos".

Os comuneiros de Tameiga, acompañados de representantes do BNG e o PSOE locais, Ecoloxistas en Acción e as Traídas veciñais de auga, denunciaron o que perciben como "unha operación para burlar a Xustiza" ao declarar a Xunta de interese autonómico "unha cidade deportiva ilegal", tal e como referendou nunha sentenza do pasado abril o TSXG.

Nas alegacións presentadas na delegación viguesa da Xunta, a Comunidade de Montes salienta que, perante a declaración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA), o Goberno galego "persegue a reclasificación de terreos clasificados como solo rústico polo vixente PXOM de Mos, en beneficio, única e exclusivamente, da entidade privada promotora, e iso  sen pasar polo procedemento legalmente previsto no artigo 83 da Lei do solo da Galiza para a modificación do planeamento urbanístico municipal".

Desde Ecoloxistas en Acción, aliás, censuran que o proxecto GS360 terá unha "notábel incidencia negativa sobre a paisaxe e a riqueza forestal" e suporá un "notábel incremento do tráfico rodado de vehículos polos viais existentes, coa contaminación en forma de polución e acústica que iso conleva". "Esta construción nos montes comunais de Tameiga e Pereiras é un atentado ao medio ambiente. O proxecto arrasará un espazo de gran valor natural. Un pelotazo urbanístico para desposuír dun ben común á veciñanza para un beneficio particular", lamentou Xaquín Pastoriza, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

As Traídas de augas veciñais afectadas polo proxecto levan tempo denunciando o "impacto significativo" para as súas captacións de augas que terá a posta en marcha do "desenvolvemento urbanístico" que pretende levar a cabo unha "entidade privada" como é o Real Club Celta, constituído en sociedade anónima deportiva (SAD) na década de 1990 e hoxe en mans de Carlos Mouriño

"A posta en marcha do proxecto requirirá un importante consumo de auga, o que porá en risco o abastecemento para consumo humano e acarrexará un importante risco de contaminación e de perda de capacidade de recarga dos acuíferos", denuncian desde a plataforma A Auga é Vida, que agrupa as Traídas veciñais de auga afectadas polo proxecto. Sinalan que esta "destrución" dos acuíferos resulta "totalmente inxustificábel, tanto e canto máis nos últimos anos son cada vez máis frecuentes as restricións ao consumo de auga polos cada vez máis prolongados períodos de seca".

Tanto os representantes de Tameiga como do BNG e PSOE mosenses e de Sumar Galicia aseguraron que se busca unha "legalización das instalacións executadas polo Real Club Celta" ao amparo dunha "licenza anulada por sentenza xudicial firme", así como as executadas "sen axustarse á licenza outorgada no seu día polo Concello de Mos, posteriormente anulada, o que supón unha infracción urbanística moi grave".

"Con esta operación da Xunta demóstrase así o interese do señor [Alfonso] Rueda en usurpar o monte comunal para darllo a un promotor privado. Non é un feito illado, levamos anos dunha vaga agresiva do Partido Popular contra as comunidades de montes galegas co fin de propiciar o espolio do monte veciñal”, resaltou César Lago, presidente dos comuneiros de Tameiga.