As aldeas de Cervantes que quedaron illadas tras o derrubamento da LU-P-1402 continúan incomunicadas por estrada
O domingo 8 de febreiro o municipio de Cervantes (Os Ancares) viu como a estrada LU-P-1402, á altura do núcleo de Vilaver, colapsaba como consecuencia do derrubamento do terreo tras as fortes choivas. Desde entón, o tráfico nesta vía provincial permanece restrinxido, o que deixa parcialmente incomunicada a veciñanza de núcleos como Vilaver, Vilarnovo, Vilarín, Vilaquinte e Vilarello.
O afundimento da vía obriga á veciñanza a realizar rodeos en coche de case unha hora para chegar á capital municipal, San Román. No caso do transporte escolar, o alumnado continúa cruzando a zona afectada a pé para garantir o acceso ao autobús.
Esta é, polo momento, a solución provisional adoptada: o autobús pode atravesar o tramo danado mentres as familias cruzan a pé a zona afectada antes de continuar cara ao CPI de Cervantes no transporte escolar.
Desta forma, a circulación autorizada queda limitada exclusivamente ao bus escolar. Para o resto dos vehículos habilitáronse itinerarios alternativos, mentres que a Deputación solicita á veciñanza que extreme as precaucións e respecte a sinalización provisional instalada. A institución provincial asegura, ademais, que está a axilizar os trámites para que as obras de reparación poidan executarse canto antes.