Alcer Galiza denuncia rutas de hemodiálise que incumpren as recomendacións anti Covid-19

Imaxe de arquivo dun acto de Alcer Coruña. (Foto: Europa Press)

A entidade asegurou esta cuarta feira que existen varios itinerarios de transporte para pacientes que teñen que facer este tratamento que non atenden ás medidas de seguridade para evitar contaxios.

A Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril, Alcer Galiza, denuncia esta cuarta feira que algunhas doentes están sendo recollidas en rutas de transporte que non cumpren as recomendacións de seguridade e saúde para evitar contaxios de coronavirus.

Segundo explica a entidade a través dun comunicado trátase de casos nos itinerarios que fan os transportes para levar á xente aos tratamentos de hemodiálise.

Fontes de Alcer Galiza inciden en que hai doentes con enfermidades renais crónicas que teñen que ir tres veces á semana a hemodiálise. Este servizo sanitario acostuma darse nas cidades do país polo que se require de transporte especializado para o traslado das e dos afectados.

O problema que veñen detectando nesta actividade é que en distintas áreas sanitarias “manteñen rutas con capacidades superiores por ambulancia ás recomendadas pola Sociedade Española de Nefroloxía”.

Estas pautas déronse “para facer fronte” ao coronavirus e a posíbeis expansións da pandemia e estabelecen que os transportes deben levar como máximo a catro persoas ademais da ou do condutor.

O colectivo remitiu esta denuncia ás xerencias de xestión integrada do Sergas para estudar “vías de solución”. Porén atoparon como resposta “desde o silencio máis absoluto á negación de tal situación”.

Por iso fan pública a súa queixa desta fenda na preservación da saúde das e dos enfermos do ril e están a recoller sinaturas para tomar unha posición máis forte fronte ás administracións públicas.