A alcaldesa de Lobios fala dun "dano ambiental incalculábel" polo incendio do Xurés

Imaxe de arquivo da Serra do Xurés. (Foto: Turismo da Galiza)
O lume no Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés arrasou 2.000 hectáreas forestais. A rexedora comenta que o foco continúa "descontrolado" e é de "dimensións descomunais".

A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, estima que o lume que continúa activo no municipio desde a tarde do sábado deixará un "dano ambiental incalculable" no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, onde a estas horas hai máis de 2.000 hectáreas calcinadas.

Ante as preguntas de Europa Press, Yáñez lamenta que se trata dun foco "descontrolado" e "de dimensións descomunais" que arde nunha "zona de máxima protección". "A situación é moi mala", engade, pois considera que a superficie afectada superará "con fartura" as 2.000 hectáreas que notificaba no seu último parte a Consellaría do Medio Rural.

Por fortuna, sinala a alcaldesa, as lapas que se acenderon -a Xunta fala de que todos os lumes son provocados- na parroquia de Río Caldo "non está preto das vivendas".

Respecto aos danos materiais, ten constancia da calcinación dalgúns colmenares e dun dano ambiental no parque natural "incalculable".

Ademais, Yáñez non se amosa optimista coa evolución da meteoroloxía nas próximas horas, xa que o vento chega "seco" e "forte" á zona afectada. Neste sentido, asegura que o lume soamente remitirá "se chovese".

En palabras da rexedora, que dirixe o municipio co incendio máis grande xunto co de Vilariño de Conso, a noite resultou "complicada" para a veciñanza, malia que a fronte estaba lonxe dos núcleos habitados

"Buscan o momento perfecto para prender lume", afirmou a alcaldesa, convencida como a Consellaría de Medio Rural que o suceso foi intencionado.