A alcaldesa da Coruña, sobre as 44 toneladas de residuos tras o San Xoán: "É lamentábel, tomaremos medidas"
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, cualificou de "lamentábel" e de "irresponsabilidade" co medio ambiente as 44 toneladas de residuos recollidas nas praias coruñesas tras a celebración do San Xoán.
"Tomaremos medidas", dixo na rolda de prensa que ofreceu esta segunda feira e na que asegurou que se estudarán á espera de concretar cales serán para lograr unha maior concienciación e implicación a este respecto.
Fíxoo nunha comparecencia na que felicitou aos equipos de emerxencia polo seu traballo tras unha noite cunha cifra de 190.000 persoas na cidade herculina, unha asistencia "sen precedentes", apuntou.
Incidencias
En total, producíronse 152 asistencias, 30 menos que o ano pasado, algo que destacou. "A única nota negativa a do lixo", asegurou a pesar de ser 13 toneladas menos que en 2024.
Por iso, apelou a unha reflexión como sociedade ante un comportamento "incívico" e tamén "repensar as medidas para tomar". "Hai moitos contedores, moita normativa, pedimos que se recolla mais a cantidade de lixo que queda é unha imaxe vergoñosa", recalcou.
"Non é tan difícil recoller o que se ensucia", insistiu a rexedora, para quen é "lamentábel" a imaxe das praias ao día seguinte da celebración. "É unha irresponsabilidade co medioambiente, tomaremos medidas, non casa coa cidade que queremos, sostíbel", insistiu Rei.