O solsticio de verán ou o San Xoán, reivindicación da natureza e paradoxos festivos
Non viría mal espallar aos catro ventos algo sobre o significado das tradicións e do seu estado da cuestión. Patrimonio inmaterial, espiritual. Rico tesouro do que Galiza é gardadora, alimentando a creatividade, arte, a literatura, a música. Conxunto de tradicións, moitas das que converxen no centro do ano nesta noite que dicimos máxica do San Xoán. Ben o sabían e debullaban no asunto Lugrís, Risco, Cunqueiro ou Laxeiro. Espallar a idea de que nelas avivaríanse valores tan necesarios neste mundo como a igualdade, a ecoloxía.... así como pola cotra tamén esa perversión, o desnorte, que mesmo atenta contra a solidariedade e a natureza, normalizándose ao cabo do tempo como tradición.
Dende que os seres humanos imos medrando en saberes e temos sentido social, asumimos o ciclo astral, marcándoo nun almanaque por solsticios e equinoccios. Indicativos de madurez sociocultural que conduce ás colectividades a intervir no seu medio, comezando a domesticalo todo: a natureza, agras e animais... mesmo poñendo normas de convivencia, facendo sobresaíntes monumentos megalíticos na paisaxe. Así vaise creando, tecendo e destecendo a cultura. Dende que o ser humano entra nesta maioría de idade da conciencia social, entende o ciclo astral, decátase do devalar solar, dos ciclos da natureza, tan propicios ao agro, en relación cos Catro Elementos, coas Catro Estacións e vai celebrando en festa de relación paisaxe-paisanaxe semellantes fitos...
A festa é entón elemento de encontro de socialización, de cultura, as que se espallan e reparten ao longo do almanaque anual. Cada época, cada terra contribúe cos seus aportes, quedando como substratos con significación etnoarqueolóxica e o San Xoán é a confluencia dunha extensa cultura.
A inmensa forza do espírito, da tradición é a que empurra a convocar estas festas anuais, as que solidarizan e tanto teñen que ver co agro e coa vida, en especial a do solsticio de verán, na metade do ano, as cristianizadas como o San Xoán. Festas, ritos de pasaxe, de iniciación para os máis novos, tan propicios á experimentación dos coutos da liberdade, cheas de aportes pagáns, de cristianismo e hoxe de adulteracións comerciais e un desmedido libertinaxe antisocial e contaminante antiecoloxismo que merece comentarios aparte.
Cada sociedade vai deixando algo de si nos xeitos tradicionais de celebrar
Así é que cada tempo, cada sociedade vai engadindo e deixando algo de si nos xeitos tradicionais de celebrar, pese ao que coidan os conservadores do folclore diremos que a tradición transita, móvese e muda. Sendo a noite de San Xoán, a celebración con máis fondas raiceiras en canto a mitos, crenzas e supersticións, tamén sometida á aculturación. Encontro festivo sobre o que escribiu o grande estudoso do tema o verinés Xesús Taboada Chivite, recollendo e ampliando saberes de Murguía, de Risco, como tamén de Luis de Hoyos y Saínz, de Julio Caro Baroja... Tema tan labiríntico, sempre in process, non prescribe.
Convocatoria da noite do San Xoán para a que, os poderes públicos, soamente deben facilitar espazos e medios que garantan a convivencia e o respecto ao medio ambiente. E para iso estarían as grandes campas abertas, non sempre sendo así.
O ancestral amor en Galiza aos fenómenos ígneos reconvertidos en pirotecnia e mappings
Como a noite do San Silvestre, ou a mesma de Defuntos ( a nórdica de Walpurgis “gaelizada como Samáin) son noites na tradición onde se da certa dualidade ben-mal, entón tamén propicias ao demoníaco, velaí o aquelarre (en eukera ake: castrón e larre: prado aberto) : o contubernio ou parlamento das meigas a redor do lume que desafía as ondas do mar e símbolos do mal tamén danzando polo medio. Noite e encontros co Demo en forma de castrón, moi mirados pola Inquisición e sabidos por Goya. Autos esotéricos para os que si se escolle e acomete contra a soidade das praias, namentres a xente nun xeito exotérico, danza nas campas abertas. Campas que actúan como altar... no sc. VI espazos e rituais anatemizados polo panonio cristianizador da Gallaecia, Martiño de Dume, autor do De Correctione Rusticorum, escritos contra os cultos animistas, panteístas de raíz céltica, priscilianistas tamén, como a adoración ás fontes, aos rios, ás árbores, ás penedas...e a ese atractivo lume purificador, que é luz e quentura, símbolo solar. O lume, como os fenómenos ígnicos sempre tan atractivos e presentes na cultura galega, de xeito especial pondo toque final ás noites festivas: das fogueiras experimentando aos xogos pirotécnicos no país dos fogueteiros e logo a todos os novos sistemas de videoproxeccións, mapping, a crear fantasía de luz e cor sobre arquitecturas...poñendo sempre a proba a fantasía, a capacidade creadora.
Solsticio de verán, centro do ano cristianizado polo santo do bautismo, o San Xoán
Noite das vésperas do día 24 de xuño, no que se celebra o nacemento do precursor de Cristo, o San Xoán, un xeito de distanciar e cristianizar as festas pagáns en relación co solsticio de verán, o 21 de xuño. Alboradas e solpores ben celebrados na Europa de alicerces celtas, romanos e cristiáns e máis aínda nesa beiramar que supón tantas relacións a través da navegación. Velaí a forte tradición coruñesa das fogueiras, noutrora celebradas nas campas, competindo o que queda das tribos, os barrios. Dende os anos oitenta do sc. XX , cachelas parcelando, invadindo e contaminando as praias nun gran botellón para gloria das cervexeiras que son as que beben e viven destes encontros. Iso si, pola contra co gran logo de incorporar á festa as grellas de sardiñas. Pois velaí tamén as tradicionais cachelas que caracterizan Carballo e todo Bergantiños onde, deica agora, está mellor prendida e anovada a tradición. A beiramar pontevedresa non queda atrás, mantén a tradición sanxoanina, a que mesmo arrodea á venerada santa Trahamunda de Poio, padroa da saudade, unha das cen doncelas entregadas ao Islam, a que estando cativa nun aren de Córdoba e baixo unha palmeira tiña morriña daquela noite do San Xoán... e deuse o milagre: a mociña cristián apareceu, palmeira cordobesa incluída, a carón dunha cachela festiva do seu Poio de orixe... As festas, o paso entre os arcos florais do Baixo Miño...
Na véspera do 24 de xuño recollemos herbas con propiedades milagreiras
Tradicións traídas, levadas e espalladas polas américas e que no seu sincretismo enredaranse na espiral de novos aportes creativos, convén peneiralos tamén. Proba de que as tradicións transitan, iso significa o verbo latino “trado”, non son estáticas, iso si, mantendo sempre o seu pouso de orixe, onde radica a orixinalidade dun pobo. Tradicións pagáns que a cristiandade pon baixo a advocación do santo do bautismo, das augas que apagan o lume, tan na devoción popular dunha Galiza, onde a orde de San Xoán de Xerusalén, con orixe nas cruzadas, nesa relación oriente-occidente, tiña forte pegada comercial e cultural. Santo patrón de Roma, con basílica de San Xoán de Letrán. Noite de vésperas celebrada no mundo romanizado e cristianizado con fogueiras e noutrora con fachóns, a tocar cornas , bater bombos coa ansia que dicían de espantar ruíns agoiros, ¡¡¡ meigas fora !!!!!. Encontros naquela Roma antiga animadas con ceas, xantar de caracois... modernamente, sendo o tempo no que a sardiña molla o pan, incorporándose este peixe tradicional, moi especialmente en Portugal e Galiza, onde é símbolo.... entre as petardadas e o beber de xeito descosido, incorporacións provocadoras, molestas, que producen certo desnorte na orixe e na orixinalidade da convocatoria.
Noite de herdos neolíticos, celtas, romanos, cristiáns...contemporáneos
A festa de Litha (celebración do solsticio de verán) é o nome que o mundo anglosaxón, herdeiro de tantas tradicións indoeuropeas, celtas, da a estaos días do fin de xuño e entrada en xullo. Celebracións de adoración ao sol, de relación coa paisaxe, da renovación da vida... cando as flores se van convertendo en froitos, vermellas cereixas, cirolas.... Cultos romanos fundamentados noutros orientais e gregos, sendo celebrados con intensidade eses fitos no almanaque que son os solsticios , o solstitium, e os aequinoctium por canto significan no agro e na vida, orientando ao sol templos, aras, obeliscos.... O solstitium de verán (21 de xuño), cando o sol comeza a declinar e no mundo popular dise que o sol baila coa lúa, era esta a festa dedicada polos romanos a Fortuna e a Saturno, cando se celebraba tamén a unión de Xúpiter e Xuno.
Solsticio de verán no hemisferio norte, a noite máis curta do ano. Cando os Catro Elementos purificadores, Lume, Auga, Terra, Aire, do solpor á alborada entran en danza para coutar esa “noite máxica”. Sendo o Lume que é luz, quentura, o que concilia reunións. Lume purificador, de fogueiras noutrora alimentadas por trastos vellos e lixo, os que supuñan a limpeza e renovación da casa. Lumaradas de fume convocador, de lapas marelas, roxas, convidando a danzar e cantar ao seu redor, consideradas curandeiras, despois a brincar sobre as brasas, sobre o remol, competindo grupos, barrios, casas, unhas coas outras. Festa onde tamén a Auga limpa e tamén purifica, onde o bo Aire, como espírito anima, empurra e a Terra soporta. Lume apagado pola Auga, elementos fundamentais nesta celebración, cada cal cos seus espazos, pese á intrusión, á contaminatio dos noso tempo convocando e contaminando as praias, dominio das augas,
Noite que ven a ser desfogadeiro, catarse, converxencia de moitas desas tradicións de herdos milenarios que denominamos “máxicas”, por incomprensibles e asocialas co sobrenatural. Noite, na tradición, propicia aos desencatamentos, aos sortilexios e agoiros, a poñer figas, amuletos... segundo as propostas do libro máxico, o grimorio atribuído ao San Cibrao, noutrora tan popular en Galicia. Pequena noite na que asoman e se quere ver ás mouras, ás fadas, eses seres máxicos de memoria, con aura de pasado e dando consello de ben, as que se di encantadas e encadeadas por monstros, serpes, dragóns e todo ese rico e inmenso repertorio, como en ningunha outra parte do mundo, de seres fantásticos... os que se manifestan entre o borbullar das fontes, á beira das lagoas, de ríos, das covas encantadas e mesmo das ruínas antigas... Inspiradores seres de lendas e máis das célticas e artúricas, as que falan de cidades asolagadas, castigadas por cometer pecados de arrogancia e avaricia... para nesa noite os oídos da xente pura escoitar á beira desas enigmáticas lagoas (Doniños, Valdoviño, Traba... Puzo do Lago de Maside, Antela...) o lánguido tanxer das campás daqueles templos mergullados.
Escuridade da noite "máxica", propicia a trasnadas retranqueiras, a inxenuas lerias con certo simbolismo, contra aquelo que significa individualismo, egoísmo, soberbia, luxuria vaidade, apropiación, os vicios antisociais prendidos: mudar marcos, mover cancelas, tapiar portas...
Reivindican das plantas e das humildes flores curadoras
Noite nas que no mundo rural se engalanan as portas e as xanelas con ramallos, en ocasións de cereixas, romeiro, loureiro, fiúncho, flores...na que se recomenda abrilas de par en par, tender cobertores e roupas de uso para recibir o bendito serao, o orballo desa curta noite... E deixar na almofía mergulladas na auga da fonte as herbas humildes e curandeiras, entre as que non pode faltar a panacea do bieiteiro ( sabugueiro, biouteiro ou mesmo seoane ou xeoane, en relación co San Xoán ), o estralotes (Digitalis purpurea), o romeu, fiúncho, malva, artemisa... as mesmas xestas floridas....alguén ponlle número e di que deben ser sete, iso si, flores silvestres e sempre presididas pola devandita flor de San Xoán. Toda unha mitoloxía das plantas, propicia a esta terra de herbaxeiras, de saberes botánicos das meigas e dos frades dos mosteiros, algo sobre o que aínda queda moito que explorar e contar. Perda que, nas vésperas desta noite, non haxa iniciativas de xente ou asociativas que ofrezan eses ramalletes... proba de que a cultura floral en Galiza, símbolo de exquisitez, de madurez cultural, de formas, cores e perfumes, pese a tanta sobranceira historia, aínda ten moito que aprender respecto a outros países de Europa. Auga e herbas ás que ao amencer outorgaránselle propiedades milagreiras. Compre encetar o día lavándose con esa auga... e a cousa complicábase no ritual: noutrora os mozos, espidos, roulaban polos campos de centeo... Facíase saír o gando dos cortellos para recibir tamén o orballo desta noite. E o sortilexio de deixar, do anoitecer ao amencer un vaso con clara de ovo, pola mañá a forma que teña interpretarase como agoiro do futuro.
As propiedades purificadoras dos areais contrastan coas festas que acollen as praias
Solpor do 23, no que non falta que se acendan as fogueiras comunais sobre as campas abertas, mesmo, máis pequenas, familiares á porta da casa...para ao final recoller o Lume Novo, limpar as lareiras e renovar os tizóns.
A perversión da tradición, o paradoxo da invasión e contaminación das "sacras" praias
O dito todo transita, evoluciona e non sempre para ben, a veces contra algo sacro que se debera levar impreso no adn: a igualdade e unha sabia interacción paisaxe-paisanaxe (o ecoloxismo). As tradicións duran pola súa necesidade de ser, de servir...pero tamén enferman, collen andazos que as contradín, desfiguran e mesmo acometen contra elas e o seu mensaxe. Pois velaí que ao faltar as campas abertas, as que a Galiza - a que abriu portos e encrucilladas - soubo crear, como áreas de encontro, de oferta demanda, tal como son os campos de feira, festa e romaría...espazos que arrodearon templos, sitios sacros, sitios para a liberdade e a festa, os que ao faltar, por convertelos en aparcadoiros, espazos expositivos da ilustración municipal (fontes, faroliños austrohúngaros, monumentos, fornos para grelladas....) con desatino acódese a espazos que son exclusivamente dese mar, sagrado nesta noite, o do baño fecundativo das nove ondas, en relación co baño sacro de Venus, o de augas propicias ás ablucións purificadoras de orixe oriental tan retomadas e seguidas polo cristianismo... sendo na tradicións os os areais inmaculados, feitos en millóns de anos por ese xogo de ir e vir das ondas a demoler cunchas e terras...para agora multiplicar neles o individualismo, coutar os areais en guerra de fogueiras, para maior gloria das cervexeiras que elas si que campan, complementadas con retretes móbiles, con liberdade, estendendo o chiringuitismo, o lixo e espallar o mal exemplo dunha tradición que nunca foi e menos neses lugares. Vexase ao final da festa estado da cuestión e máis os que creen que todo se resolve con aranceis e impostos e outras remendadas. A cuestión é a educación que vai da escola e pasa por eses plasmas que nos acompañan.
Por outra banda o neodruidismo tan campante neste tempo, seguindo os pasos dos seus devanceiros románticos e modernistas, reivindica vellos nomes célticos, gaélicos, para estas celebracións de exaltación de canto supón a natureza, a ecoloxía acudir no amencer ós arredores dos monumentos megalíticos e enxergar a incidencia das raiolas do sol alboreiro como fura por aqueles milenarios pórticos e petar na escuridade dos chantos das cámaras da morte...mozas con coroas de fores, cantos bárdicos...e unha singular estética que transcende e se espalla polo panceltismo.
E curioso que na península ibérica as festas cíclicas de exaltación da natureza, con canto comportan de educación ecolóxica afincan máis as súas raiceiras naqueles núcleos de forte tradición céltica ou celtibérica, na banda do curso do Ebro, en Soria e Aragón, como en todo o norte, Galiza, Portugal e Estremadura. Non ven mal pois, neste tempo, poñer os pes na Terra, no humus, retomar o humanismo, como manda a santa tradición: recuperar as orixes, a orixinalidade dunha cultura que deriva do que cultivamos para vivir: a Terra, festa da Terra.