NA CORUñA

Alcaldes das candidaturas municipalistas maniféstanse contra a guerra

Coruña

Rexedores de candidaturas municipalistas participaron na mañá do sábado nunha concentración que tivo lugar na Coruña contra unha posíbel intervención do Estado español en Siria. Amais de alcaldes galegos participaron responsábeis doutros concellos estatais.

Ao redor de 200 persoas participaron na mañá deste sábado nunha concentración que tivo lugar na praza de María Pita (A Coruña) contra unha posíbel intervención militar do Estado español en Siria. Amais do rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o de Ferrol, Jorge Suárez ou o de Oleiros, Ángel García Seoane.

Tamén se sumaron ao protesto responsábeis municipais doutros puntos do Estado como a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, o alcalde de Valencia, Joan Riobó, o alcalde de Zaragoza, Pedro Santisteve e outros cargos institucionais de Oviedo, Pamplona, Madrid ou Cádiz. Estes representantes de Concellos estatais estaban presentes na concentración contra a guerra porque na tarde do sábado participarán como convidados nun acto da Marea Atlántica.7

Entre as consignas coreadas puidéronse oír “Non á guerra” ou “Nunca máis, non á guerra”. Foi Xulio Ferreiro o encargado de ler un manifesto contrario á violencia, á criminalización das persoas refuxiadas e ao recorte de dereitos, “opoñémonos a unha resposta ao odio que supoña máis mortes inocentes”, proclamou o alcalde coruñés.