Os alcaldes de Carballo, Laracha e Arteixo propoñen unha liña ferroviaria

Reunión dos alcaldes de Carballo, Laracha e Arteixo. (Foto: Nós Diario)
O obxectivo final dos tres Concellos é converter este "importante eixo industrial e residencial" nunha gran área loxística de Punta Langosteira.

Os alcaldes de Lararacha, Carballo e Arteixo (José Manuel López Varela, Evencio Ferrero e Carlos Calvelo, respectivamente), veñen de facer a proposta conxunta de estabelecer unha conexión ferroviaria e mellorar as comunicacións por estrada para "definir unha estratexia conxunta de mobilidade".

Esta proposta decorreu no marco dunha reunión de traballo entre os tres rexedores para abordar a "oportunidade de desenvolvemento que supón o porto exterior".

O obxectivo final dos tres Concellos é converter este "importante eixo industrial e residencial" nunha gran área loxística de Punta Langosteira.

Neste sentido, os alcaldes destacaron o volume total de poboación, perto de 75.000 habitantes, e a creación de emprego dos catro parques empresariais situados neste eixo e os desprazamentos que xa se rexistran a diario por motivos laborais.

Plan de Mobilidade

López Varela, Ferrero e Calvelo dispuxeron a redacción dun plan de mobilidade conxunto que defina as infraestruturas viarias e ferroviarias que é preciso crear ou renovar para "ofrecer solucións que integran a mobilidade residencial coa industrial e a loxística".

“O importante é que aquí vense a vivir e traballar”, destacou o alcalde de Arteixo, un aspecto "diferenciador" con respecto a outras áreas metropolitanas.

Os tres rexedores asinarán un convenio de colaboración para a redacción do documento, coa finalidade de presentalo ás administracións competentes, nomeadamente Xunta da Galiza e Goberno español, e poder optar a fondos europeos para o seu financiamento.