Cerdedo-Cotobade

Jorge Cubela, sobre o "mal estado" do asfalto na N-541: "Foi un accidente, mais levamos anos demandando melloras"

Lugar no que se precipitou o autobús. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O rexedor do municipio no que se produciu o accidente mortal agarda que "sirva de precedente" para que as autoridades teñan en conta as demandas dos municipios pequenos como Cerdedo-Cotobade.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, denunciou esta cuarta feira que o treito da estrada nacional N-541 onde se produciu o tráxico accidente de autobús con sete mortos presenta un asfalto "deteriorado" e que, ademais, a curva que precede á ponte polo que se precipitou o autocar ten problemas de drenaxe da auga que procede de regatos e correntes de montaña, especialmente cando se producen choivas intensas, como foi o caso da pasada Noiteboa.

En declaracións aos medios desde as inmediacións do viaduto de Pedre, o rexedor do PP apelou a gardar "respecto" ás vítimas e as súas familias. "Non é momento de reproches nin de buscar culpábeis", apostilou Cubela.

Nunha mañá na que expertos da Garda Civil chegados de Madrid analizan a zona na que se produciu o tráxico suceso, o alcalde manifestou, porén, que o accidente se produciu nun punto no que o pasado mes de setembro houbo varios sinistros de circulación, un deles cunha saída de vía semellante á do autocar.

"Isto foi un accidente, pero desde os últimos anos levamos demandando unha mellora integral da capa de rodadura da N-541", aseverou Cubela, en alusión a unha estrada nacional que, como lembrou, une as comarcas de Pontevedra e O Carballiño e pola que transitan frecuentemente "miles de coches".

Neste sentido, asegurou que cando as condicións climatolóxicas son adversas prodúcense "moitas saídas de vía", algo que atribuíu ao mal estado do asfalto que require, ao seu xuízo, unha actuación integral que é demandada na zona "desde hai moitos anos".

A iso súmase que a curva que precede á ponte de Pedre, pola que se precipitou o autobús, "acumula moita auga", especialmente desde unha actuación realizada hai catro anos no punto para mellorar a conectividade con outras estradas secundarias que conectan a nacional con outras localidades da comarca.

Como apuntou Cubela, o tramo anterior ao comezo da ponte en sentido Pontevedra "recibe moito caudal" de auga procedente de regatos e de choiva que cae da montaña, unha situación que "se agrava" cando se producen intensas precipitacións como as que houbo durante o día de Noiteboa.

"Teño que defender que hai equipos técnicos serios e exemplares na demarcación de estradas provincial e autonómica, pero hai decisións orzamentarias, que son políticas, que non dependen deles", remarcou o rexedor, que espera que, cando menos, o accidente sirva de precedente para que se teñan en conta as demandas dos municipios pequenos.

"Madrid ten que ter máis sensibilidade cos nosos pobos", engadiu antes de concluír que é precisa unha mellora integral do asfalto de toda a estrada nacional. "Xa non valen parches", apostilou, antes de apelar a deixar traballar os expertos para que diriman as causas do tráxico sinistro.