Cerdedo-Cotobade

Arrinca a reconstrución do accidente de autobús de Cerdedo-Cotobade para determinar as causas

O equipo de expertos da Garda Civil iniciou na mañá desta cuarta feira a reconstrución dos feitos. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Esta terza feira procedeuse á retirada do vehículo, varado no río Lérez, cuxa análise será unha das chaves.

O equipo de expertos da Garda Civil desprazado desde Madrid á Galiza nas últimas horas arrincou á primeira hora desta cuarta feira a reconstrución do accidente de autobús ocorrido en Noiteboa en Cerdedo-Cotobade, que custou a vida a sete persoas.

Contra as 10 horas, os membros do Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) empezaron a inspeccionar a zona cun equipo de topografía e cortaron o acceso aos dous extremos da ponte para gravar vídeos para o xulgado. Para executar esta tarefa tamén están a empregar un dron.

Os axentes, expertos en materia de accidentes de tráfico, chegaron nesta mesma xornada ao país para reconstruír este sinistro e determinar as causas que puideron desembocar nel.

Na terza feira, os técnicos do Ministerio de Fomento lograron retirar do leito do río Lérez o autobús sinistrado, nun operativo que se prolongou durante unhas sete horas e no que interviron guindastres de gran tonelaxe, para cuxo uso foi necesario testar previamente a resistencia da ponte.

Os seguintes pasos nesta investigación, alén da reconstrución mesma do accidente, son a análise do vehículo, a través de elementos como o tacógrafo, que permitirá determinar a velocidade á que circulaba, e mais a toma de declaración aos dos sobreviventes do sinistro, o condutor e unha das pasaxeiras.

José Miñóns, delegado do Goberno español na Galiza, manifestaba na segunda feira que "todas as hipóteses" sobre o accidente de autobús "están abertas", mais recoñecía as "condicións climáticas" como un dos factores que puido contribuír ao sinistro.

Pola súa parte, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lembrou que o sábado "chovía moitísimo" no momento do sinistro e "había temporal", aínda que pediu prudencia até coñecer os resultados da investigación.