Alcalde de Cabana di que persegue "algunha indemnización" pola anulación do proxecto mineiro de Corcoesto

[Programa electoral do PP de Cabana en 2011]

Salvemos Cabana tilda de "lamentábel" a actuación do rexedor e lémbralle que foi defensor do proxecto mineiro que mesmo incorporou ao programa electoral das municipais de 2011. 

O alcalde de Cabana, José Muíño (PP), confirmou ao xornal dixital Que pasa na costa, as sospeitas denunciadas pola Plataforma en defensa de Corcoesto e Bergantiños que apuntaban á participación na demanda presentada pola empresa canadense Edgewater contra a Xunta de Galiza após ficar sen dereitos de explotación de ouro na comarca de Bergantiños. 

José Muíños (PP), alcalde de Cabana: “Metémonos nisto por se cae algunha indemnización"

O rexedor asegurou que “o proxecto está finiquitado e rematado, o proxecto xa morreu,” e que a personación da administración local, con fondos públicos e sen que esta fose aprobada en sesión plenaria, visa conseguir algunha indeminación se finalmente a demanda sae adiante como agarda a transnacional que reclama compensacións económicas por supostos prexuízos patrimoniais. 

O alcalde, o grande defensor da mineira

“Metémonos nisto por se cae algunha indemnización. Por exemplo, en Touriñán, a Xunta tivo que pagar un millón de euros á empresa por varios erros. Aquí, se a Xunta fixo todo ben, pero se a Xunta cometeu algún erro, que nos indemnicen”, dixo Muíño. Segundo o alcalde ”o meu criterio, a pesar das presións dende arriba e as ameazas dende abaixo, estivo moi claro. Estamos mandando á nosa xente emigrar. Dixen que se viñeran outras empresas como Apple ou unha automobilística estaría encantado. Mais aquí chegou un proxecto mineiro, nun sector que cambiou moitísimo e que eu xa traballara de perto, e crin que era o mellor para a zona. Agora teremos que traballar por outro proxecto que equilibre traballo e medio ambiente, que evite o abandono do medio rural, porque é a pesacada que morde a cola.”

Salvemos Cabana cre que a actuación do alcalde é "lamentábel" e exixe a saída do concello do proceso xudicial

Neste senso, Salvemos Cabana coida "lamentábel" a actitude do rexedor e lémbralle que foi "o principal impulsor do proxecto mineiro dende instancias municipais, chegando a incluír a proposta no seu programa electoral de 2011"

Así mesmo, exixen a "saída do Concello de Cabana do procedemento xudicial ante o elevado custo de avogados, procuradores e taxas que terán que ser sufragados cos impostos do contribuínte".