Salvemos Cabana sospeita que se está a favorecer a mineira Edgewater con cartos públicos

[Imaxe: Salvemos Cabana] Manifestación contra a mina de ouro de Corcoesto

O colectivo Salvemos Cabana teme que se estean empregando cartos públicos para favorecer as millonarias reclamacións patrimoniais de Edgewater, a empresa que ía explotar unha mina de ouro en Corcoesto.

Salvemos Cabana denuncia que o alcalde da localidade, José Muíño (PP), decidiu personar o Concello no contencioso administrativo que mantén a empresa mineira Edgewater contra a Xunta de Galiza e teme que o fixera para favorecer directa ou indirectamente a compañía canadense. De aí que urxa a unha investigación por parte do Parlamento galego.

A decisión do alcalde foi adoptada sen o consenso do pleno

Nun comunicado de imprensa, Salvemos Cabana advirte de que a decisión do alcalde foi adoptada sen o consenso do Pleno e teme que os recursos municipais poidan ser empregados polo Goberno municipal para beneficiar as millonarias reclamacións patrimoniais de Edgewater.

Para o colectivo, carece de sentido que o Concello se persone no procedemento xudicial cando en datas recentes o Tribunal Constitucional confirmou a perda dos dereitos mineiros por parte da empresa.

Corcoesto e a súa relación con Panamá

A plataforma tamén denuncia que Edgewater tería recorrido á arbitraxe internacional a través de Corcoesto, S.A., rexistrada como sociedade o 26 de agosto de 2014 pola empresa Melhado&Webster. É este un bufete panameño que na información corporativa da súa web admite ser especialista na xestión de sociedades offshore en paraísos fiscais.

Edgewater tería recorrido á arbitraxe internacional a través de Corcoesto, S.A., rexistrada como sociedade o 26 de agosto de 2014 pola empresa panameña Melhado&Webster, especialista en sociedades offshore

O colectivo dá conta da presenza deste tipo de bufetes detrás dos intereses da empresa canadense, que lle reclama á Xunta de Galiza indemnizacións por valor de 20 millóns en concepto de danos e prexuízos por non poder explotar a mina.

No seu último comunicado, de 21 de outubro de 2015, Edgewater acusou a Xunta de actuar “de maneira manifestamente ilegal e en violación das obrigas do Reino de España en virtude do dereito internacional”. Tamén advertiu da súa intención de acudir á arbitraxe internacional para defender “os intereses dos seus accionistas” polas actuacións da compañía a través da súa filial Corcoesto, S.A, engade Salvemos Cabana.

“Resulta sorprendente que unha empresa que non existía poida presentar agora como propios uns feitos dos que non puido ser partícipe”

A plataforma salienta que Corcoesto S.A. foi creada cinco meses após a cancelación oficial do proxecto por parte da Xunta en marzo de 2014. “Resulta sorprendente que unha empresa que non existía poida presentar agora como propios uns feitos dos que non puido ser partícipe”.

Unha mina frustrada

A Xunta de Galiza aprobou en 2012 a Declaración de Impacto Ambiental presentada pola empresa. Erixíase entón como unha das principais impulsoras do proxecto mineiro baixo a escusa da creación de 1.400 postos de traballo. De feito, o Goberno de Feijóo chegou a pensar en declarar a mina como proxecto industrial estratéxico.

En setembro de 2015 declarouse a caducidade dos dereitos de explotación

En medio dunha forte contestación social, a Xunta anunciou a finais de 2013 que comezara os trámites para a cancelación do proxecto por carecer Edgewater da “solvencia financeira e técnica requirida”. En marzo de 2014, o Goberno galego tombaba de maneira definitiva o proxecto. En setembro de 2015 declarouse a caducidade dos dereitos de explotación.