Os albergues, molestos polo uso de pavillóns "sen consultar"

Albergue privado de peregrinas e peregrinos no Camiño francés en Compostela (Foto: Riobó Prada).
A Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber) tamén ergueu a voz para criticar a organización da Peregrinación Europea de Mozas e Mozos (PEJ2022) que rematou este pasado domingo. Este colectivo explica a Nós Diario que os concellos non contaron con eles e optaron por ceder os pavillóns públicos.

O Camiño de Santiago conta cunha hostalaría particular froito da singularidade do seu trazado e das persoas que o percorren: son os albergues. Negocios familiares e de pequenas autónomas e autónomos viven fundamentalmente das persoas que realizan algún dos trazados xacobeos.

Como o resto de estabelecementos deste sector, a pandemia da Covid-19 e as restricións provocoulles grandes prexuízos económicos. Agora, coa eliminación das limitacións sanitarias, tentan recuperar a normalidade. 

A entidade que reúne e defende este colectivo é a Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber). Conta con máis de 100 destas instalacións e unha oferta superior ás 3.500 prazas.

O seu presidente, Miguel Ángel Rodríguez Aira, recoñece que máis alá da clientela que pouco a pouco volta aos seus negocios viron como pasou un evento como a Peregrinación Europea de Mozas e Mozos (PEJ2022) sen poder participar.

En conversa con Nós Diario, afirma “entender o efecto de masificación que produciu, que non é moi positivo nin para peregrinos nin para a veciñanza”. 

Ademais, explica que estes días recibiron numerosas queixas por parte de socias e socios “sobre concellos que abriron os pavillóns para estes grupos sen consultar mesmo se os seus estabelecementos tiñan dispoñibilidade para acollelos”. Constataron que, ao final, "moi poucos dos 12.000 que participaron estiveron aloxados en albergues privados".

Pensa que o aloxamento en grandes pavillóns debería realizarse “sempre e cando non haxa sitio nos albergues, tendo en conta que hai grupos de todos os tamaños”.

Desde Agalber tentaron falar primeiro cos concellos onde se deu esta situación para tentar que mudasen de idea e falasen cos albergues “antes de aloxar en pavillóns sen unhas mínimas condicións ou sen cumprir as normativas da hostalaría”. Para Rodríguez, a decisión final que se adoptou “non nos parece ben e vai en contra da veciñanza e da propia hostalaría do municipio onde se fai”.