Alba Prada difunde a memoria histórica de Valdeorras en 'Pegadas na néboa'

Alba Prada: "Impresionoume o papel das mulleres. No monte os guerrilleiros seguían a ser machistas"

A xornalista Alba Prada quere achegar, dunha maneira didáctica, a historia da guerrilla na súa comarca. (Foto: Nós Diario)
A xornalista Alba Prada Núñez ideou desde os seus estudos en Ciencias da Comunicación na USC outra maneira de narrar a historia da guerrilla e a represión na súa Valdeorras natal. A través do seu blogue 'Pegadas na néboa' quere achegar a voz e a imaxe das persoas protagonistas dunha memoria agochada durante anos. Vídeos e fotografías, algunhas daqueles anos, relatan experiencias vividas co obxectivo de que a xente máis nova teña a posibilidade de seguir o camiño que percorreron os seus maiores e estes recuperen unha parte da memoria que se perdeu.   

Avante Pouca

De onde vén o seu interese por rescatar a memoria histórica de Valdeorras?

Nin no colexio nin no Instituto, cando estudaba no Barco de Valdeorras, nos daban información sobre ese tema na comarca. Tratábase a nivel estatal. A actividade guerrilleira aquí foi incríbel coa Federación de Guerrillas da Galiza e León. Falando con compañeiras e compañeiros de aula non sabían que ese episodio da historia acontecera aquí. Ese foi o motivo de querer facer algo ao que tivera acceso a xente maior e a xente nova para que coñeceran o que pasou dunha maneira áxil e non densa, como pode ser a través dos libros que hai publicados. Pensei mesmo en que o acceso fose sinxelo e didáctico mediante unha ligazón. A raíz dunha materia na carreira de xornalismo descubrín o formato multimedia e pareceume moi acaído. Contén un mapa cos lugares onde pasaron os feitos, fotografías actuais e históricas e vídeos das persoas que participaron como informantes.   

Avante Media 

Que foi o máis difícil de todo este proxecto?

Contactar e quedar coa xente para que participara. As gravacións fíxenas entre setembro e novembro de 2020 desde Compostela e con todas as restricións.

Eu quería darlle importancia ás fontes por quedar poucas de maior idade. Falo de persoas de máis de 90 anos. Quería gravarlles as caras e era moi difícil argallar un calendario para quedar e tamén foi complicado polo medo que tiñan a ser gravadas. 

Conseguín moitas testemuñas mais a dificultade viña cando quería gravalas. O medo segue estando aí aínda que a xente ten moitas ganas de falar. Son persoas que seguen vivindo nas mesmas aldeas nas que se criaron. Pasan polos mesmo lugares de sempre, a polo pan ou camiño da horta, e neses sitios igual asasinaron alguén. Os estímulos seguen estando.

Que outras maneiras habería de dar a coñecer esa comarca e a súa historia? 

Valdeorras é unha comarca moi esquecida en todos os aspectos. Lembro de comentar cando estudaba en Compostela que eu era desa comarca e ter que explicar onde quedaba. Falta divulgación de moitos tipos. Temos excelentes recursos históricos e naturais que hai que explotar. Coido que agora é cando comezamos a facer proxectos que interesan, sobre todo á xente nova. Un exemplo é o de Sputnik Labrego, que están escavando en Ciudad de la Selva, en Casaio, e gravando un documental, nas súas redes sociais divulgan o seu traballo e teñen moitas seguidoras e seguidores. Nestes tempos as redes sociais son unha ferramenta indispensábel para chegar á xente nova. Un recurso importante é o audiovisual pola súa accesibilidade e sinxeleza.    

Avante Toda

Cal foi a principal sorpresa que se atopou ao rematar este estudo?  

Sobre todo o papel que exerceron as mulleres. Foi o que máis me impresionou de todo este traballo. Sabía aspectos xerais mais despois souben que as mulleres estiveron presionadas quedando na casa, a cargo dos fillos, ou nas cárceres onde tiñan condicións inhumanas con todo tipo de violencias. Tiven acceso a fillas e fillos de mulleres que me contaron a súa historia. Por este motivo, moitas tamén se botaron ao monte e aínda alí a sociedade seguía a ser machista entre os guerrilleiros aínda que a súa ideoloxía era diferente. Toda a sociedade era machista. 

Gustaríame seguir engadindo testemuñas ao traballo, mais deixarei pasar algo de tempo e que non teñamos esta situación actual de pandemia que imposibilita facelo ben.