Alba Nogueira: “A nosa sociedade está moi pouco viva desde o punto de vista da defensa dos dereitos democráticos”

Alba Nogueira

Alba Nogueira é catedrática e profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciada en dereito pola USC, ampliou estudos en Lovaina, realizou un Mestrado en Dereito Internacional e Europeo e doutorouse en 1997. Especialista en Dereito Ambiental, intervención administrativa na economía e dereitos lingüísticos, é membro desde 2009 da Comisión de Lingua e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Conversamos con ela sobre como o efecto da pandemia pode incidir na restrición de dereitos civís na sociedade que vén.

Que valoración xeral fai do decreto do estado de alarma que se activou o 15 de marzo e as novas medidas ampliadas recentemente?

Seguramente que a forma de abordar a pandemia, sobre todo durante o estado de alarma, foi errada. Alterou a orde constitucional quitándolles ás comunidades autónomas as competencias en sanidade, cando eran elas as que tiñan a experiencia na xestión sanitaria, e iso acabou provocando unha serie de disfuncións e unha falta de eficacia moi importantes. Ao tempo, durante o propio estado de alarma, as principais decisións recaeron, xunto co Ministerio de Sanidade, en dous ministerios ligados ao mantemento da orde pública –o de Defensa e o de Interior– e iso introduciu un nesgo incorrecto á hora de enfrontar o problema. Houbo un tratamento excesivamente autoritario –chama a atención o feito de que se impuxesen máis dun millón de multas– que se traduce en que unha alerta sanitaria se enfrontou tratada como unha cuestión de orde pública e non estritamente de saúde.

A etapa que estamos vivindo mostra que se poden facer as cousas doutra maneira. Tampouco é que se estean a facer especialmente ben, mais os resultados non son moi diversos. Iso demostra que se poderían ter tomado medidas menos agresivas desde a perspectiva da restrición de dereitos que tivesen unha eficacia sanitaria semellante. O que se revela –antes e agora– é que esa resposta autoritaria non é a correcta, que o que se precisa é o reforzamento dos servizos públicos: aí están as eivas fundamentais. Pór máis policías ou sacar o exército á rúa non corrixe as eivas sanitarias, que son as que temos que resolver.

Temos un sistema de residencias que non funciona, un sistema sanitario desfondado por anos de recortes e que –isto non se está a dicir moito– unha política social de vivenda moi deficiente. Creo que unha boa parte da expansión da pandemia ten que ver coa densidade poboacional e coa mala calidade da vivenda. Teño a sensación de que, co tempo, veremos como os estudos nos dirán que a maior ou menor afectación dos territorios está relacionada coa dispersión da poboación, con vivendas máis amplas e cidades máis expandidas.

A respecto dese autoritarismo, como se pode defender a cidadanía ante eses supostos abusos de autoridade policial relacionados co estado de alarma?

O problema é que temos unha sociedade que aínda ten asumido un pouso autoritario preocupante. A nosa sociedade está moi pouco viva desde o punto de vista da defensa dos dereitos democráticos. Non é un tema que estea dentro do debate social, como si o está noutros países europeos que teñen unha sociedade máis formada nese sentido. Aquí, durante o estado de alarma, volveu manifestarse ese discurso dominante –que se acepta de forma acrítica– de que todo vale ante un inimigo poderoso. E eses discursos teñen que ser moito máis matizados e sometidos a debate.

O problema que apón a pandemia é un problema gravísimo de saúde pública que require medidas excepcionais, pero vexamos, por exemplo, o tema da manifestación da CUT do primeiro de maio: esa foi unha restrición dun dereito fundamental –o de manifestación e reunión– ao que non se lle deu importancia ningunha. Que se prohiba unha manifestación organizada en vehículos particulares, nun domingo, con moi pouco tráfico, e que non se xere un debate social sobre esa prohibición é moi indicativo da falta de concienciación da cidadanía de que pode haber formas de actuar desde o ámbito público que sexan compatíbeis cunha concepción máis avanzada dos dereitos democráticos.

Mesmo creo que as forzas políticas de esquerda tampouco teñen como prioritario xerar ese debate, non vexo que estea nas súas axendas. Paréceme que ese pouso de autoritarismo que arrastramos desde a ditadura permanece na forma de pensar colectiva e non hai un discurso potente na esquerda que o combata. Incluso é preocupante que, en ocasións, a esquerda aborde cuestións como a liberdade de expresión do mesmo modo que o fai a dereita. Desde a dereita utilízase o concepto do “delito de odio” para protexer, por exemplo, a policía, cando é unha figura xurídica creada para protexer colectivos vulnerábeis. E a min resúltame sorprendente cando desde a esquerda se empregan argumentos semellantes para coutar determinadas expresións da extrema dereita. Unha concepción realmente democrática dos dereitos significa que a liberdade de expresión é a mesma para todo o mundo, sempre que non causen violencia. Neses debates, é a democracia a que resulta prexudicada porque, ao final, son as expresións máis progresistas as que acaban sendo condenadas.

No Estado existía, xa antes da Covid-19, unha certa tendencia a invadir o espazo competencial autonómico. A demanda dun estado “forte” que lidere as medidas contra a pandemia pode reforzar esa tendencia?

É evidente que ese risco existe, e creo que tamén é evidente que esa é unha forma de desviar a atención dos verdadeiros problemas. Se centramos a discusión en quen debe ter as competencias, esquecémonos de que existen uns servizos públicos insuficientes, que temos a metade de enfermeiras que a media europea e menos da metade de camas de UCI que Alemaña.

Hai voces que aproveitan a conxuntura para reclamar unha maior recentralización, pero o que habería que facer é unha avaliación rigorosa de cales foron os problemas na xestión da pandemia. Efectivamente, houbo comunidades autónomas que non exerceron as súas competencias de forma acaída, e iso hai que dicilo: se cadra, ese non facer nada é unha expresión dunha ideoloxía, dunha aposta polo “sálvese quen poida” tan frecuente en certos programas liberais. Mais tamén houbo fracasos estrepitosos desde o Ministerio, como, por exemplo, aquela famosa centralización das compras de material sanitario que resultou nunha absoluta catástrofe. Houbo moitos fallos de xestión e a centralización non foi precisamente satisfactoria.

Tamén é certo que o Goberno do Estado fixo esa reflexión e, nunha segunda etapa, decatouse de que o seu papel é intentar coordinar esforzos sen substituír as comunidades autónomas, agás en casos de grave irresponsabilidade.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu