Ecoloxistas denuncian a desprotección pola Xunta de 700 zonas húmidas

As turbeiras da serra do Forgoselo, na comarca de Ferrolterra, foron incluídas no Inventario de Zonas Húmidas da Galiza. (Foto: Xeoparque Cabo Ortegal)
Os ambientalistas sitúan o inventario de humidais "imprescindíbel"

Ecoloxistas en Acción presentou un recurso de alza ante a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural "que deixa máis de 700 zonas húmidas fóra do inventario galego, algunhas destas de especial relevancia pola súa extensión ou a importancia dos seus servizos ecosistémicos".

A organización ecoloxista sinalou que o inventariado é "un primeiro paso para preservar estas zonas de alto valor ecolóxico", pero engadiu que será un paso sen contido "se despois non se lles outorga ningunha figura de protección ambiental".

Ecoloxistas en Acción presentou así un recurso de alzada solicitando a revisión da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural respecto ao inventario de zonas húmidas da Galiza e solicitou a inclusión de máis de 700 zonas húmidas "que non foron recollidos nesta actualización do inventariado".

A organización ecoloxista resaltou que o mesmo "é unha ferramenta imprescindíbel para a planificación e protección do patrimonio natural". Tamén criticaron que "sen razón aparente, quedaron fóra deste rexistro centos de zonas húmidas" e sinalaron que o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural "ten inventariados máis de mil cen zonas húmidas".

A federación galega de Ecoloxistas en Acción iniciou no ano 2022 a campañaHumedais para a vida” para concienciar da importancia ecosistémica das zonas húmidas. A campaña vai aparellada dun traballo de campo co cartografado de zonas húmidas non rexistradas.

Mais critican que, a pesar de que o primeiro informe desta campaña foi entregado á Consellería de Medio Ambiente non foron rexistrados pola Xunta a maioría das zonas húmidas cartografadas pola organización ecoloxista.