Cogami urxe á Xunta activar o novo baremo de discapacidade

Xuntanza da Comisión Sociosanitaria de Cogami. (Foto: Cogami)
O certificado permite o acceso a prestacións.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) reclamou á Xunta da Galiza que poña en marcha o novo baremo estatal para recoñecer os dereitos e garantir o acceso a prestacións de "vital importancia" e que debera estar activo na Galiza antes de finais de abril. 

Cogami, cuxa comisión sociosanitaria está formada por 23 entidades que atenden a máis de 4.000 persoas afectadas por diversas patoloxías, criticou que a falta de información sobre as discapacidades orgánicas -enfermidades habitualmente crónicas- ten como consecuencia que non se recoñezan as limitacións das persoas que as padecen. 

"A discapacidade orgánica é unha das máis invisibilizadas porque non se presenta dunha única forma, senón que moitas veces cursa por brotes, e agrávase co paso do tempo e coa actividade da persoa", explicaron desde Cogami. "Todo isto ocasiona problemas ás persoas afectadas" ás que "non se lle presta apoio para que exerzan os seus dereitos en igualdade de condicións ao resto da cidadanía" porque "o que non se ve non existe", criticou a coordinadora da área Sociosanitaria de Cogami, Laura Quintas.

Desde a confederación explicaron que o baremo do grao de discapacidade é a ferramenta que cualifica as dificultades que ten unha persoa cunha determinada condición ou enfermidade para desenvolverse en igualdade, permitíndolle o acceso a unha serie de dereitos estabelecidos.  

Así, o certificado de discapacidade permite acceder a servizos sociosanitarios, a beneficios fiscais, a prestacións económicas, ao emprego a través da reserva de prazas, a axudas nos programas de aluguer de vivenda ou ao bono social da electricidade.

"O baremo actual quedou obsoleto e desfasado, non recolle enfermidades como as reumatolóxicas, as que cursan con brotes ou as que causan fatiga e dor, entre outras", indicou Quintas, quen urxiu a que se active o novo baremo aprobado en outubro de 2022, "despois de dez anos de grupos de traballo, cunha carencia de seis meses para que as autonomías se organizasen para o cambio de modelo de valoración".

Ademais, lembraron que o novo baremo supón un modelo adaptado á Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas porque contempla a interacción de cada persoa coa súa contorna e a prestación de apoios personalizados.