Agriden un home en Vigo ao berro de "maricón de merda"

Manifestación en Compostela con motivo do Día do Orgullo LGBT+, no pasado mes de xuño (Foto: Arxina).
Un home foi agredido e insultado na madrugada deste sábado no Berbés (Vigo), no que semella un novo caso de delito de odio contra as persoas LGBT+.

A violencia homófoba volve tomar as rúas de Vigo. Na madrugada do pasado sábado, segundo informaron fontes policiais, un home foi agredido e insultado a causa da súa orientación sexual. Os feitos ocorreron contra as 1.30 horas, cando o agredido, o artista Alberte Bello, se dirixía á súa residencia no Berbés. Entón un home abordouno e pediulle lume e, malia explicarlle que non levaba nin chisqueiro nin tabaco, comezou a agredilo ao berro de "maricón de merda".

"Detectou pola miña voz, as miñas formas e as miñas pulseiras que eu era maricón", relata a través das súas redes sociais Bello, quen afirma que, aos seus 40 anos, hoxe ten "máis medo" que nunca. "Medo porque sinto que todo está mudando a peor, baixo unha perspectiva de odio que se fomenta desde grupos extremos e radicais que teñen unha cobertura que non é boa, que sementan odio e violencia e que non nos van traer nada bo a esta sociedade", lamenta.

O artista, que sufriu contusións por todo o corpo, presentou unha denuncia ante a Policía Nacional o mesmo sábado. Os axentes aínda non puideron deter ou identificar ningunha persoa e manteñen aberta a investigación para atopar o agresor.

A violencia homófoba, un fenómeno "en aumento"

Organizacións en defensa dos dereitos das persoas LGBT+, como Avante, Nós Mesmas ou ALAS A Coruña amosaron a súa repulsa a esta agresión. "Nos últimos anos estamos a padecer un incremento das agresións homófobas por todo o país", advirte, en conversa con Nós Diario, o responsábel de organización de Avante LGBT+, Xandre Garrido.

Lembra, así mesmo, que na fin de semana anterior un vehículo de Nós Mesmas foi atacado, tamén en Vigo, por levar a bandeira do arco da vella.

"Mentres algúns negan a violencia LGBTIfóbica, pretenden que non se aproben leis que nos protexan ou mesmo falan de derrogar as que xa existen, nós seguimos sendo vítimas de agresións. A súa pretensión é sementar o medo e armarizarnos de novo, mais non o conseguirán", apuntan desde o colectivo a respecto da agresión a Bello.

Nos últimos meses téñense denunciado múltiples agresións como a que acabou coa vida de Samuel Luiz na Coruña en xullo; porén, segundo datos do Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia, só un de cada dez delitos de odio por motivos de orientación ou identidade sexual é derivado a instancias policiais.

"Á Policía fáltalle moita formación. En moitas ocasións os axentes desdeñan a denuncia, negan a identidade desa persoa... Entón moita xente prefire quedar na casa e non dicir nada porque lle dá reparo", explica Garrido.