Denuncia a fruga

Agricultura prepara unha lei ‘anti-galega’ para os controis sanitarios nas explotacións de leite

Explotación gandeira galega

A Federación Rural Galega esíxelle ao Ministerio que abandone o proxecto e traballe en prol dun modelo de produción “baseado na terra”

A Administración estatal está a elaborar un proxecto de lei que regularía a produción de leite e os controis sanitarios aplicábeis a esta. Segundo indica FRUGA (Federación Rural Galega), as 7900 explotacións lácteas galegas –50% de gandería vacún de leite do Estado– veríanse “seriamente afectadas” por esta nova normativa debido ás propias características das plantas, de carácter familiar e moi dispersas polo territorio.

 

Unha das mudanzas destacadas deste novo proxecto de lei sería o novo papel do transportista. Este pasaría de ter que recoller as mostras pertinentes e envialas ao laboratorio interprofesional correspondente a ser o responsábel de analizalas na propia explotación. Isto obrigaría a parar en cada granxa unha media de 30 minutos, o que ocasionaría tempo de recollida máis longo e un sobrecusto que se traduciría nunha baixada dos prezos do leite, “que xa son os máis baixos de todo o Estado”, sinalan desde FRUGA.

 

O sindicato considera logo que o rol desta figura non debera incluír esas competencias, xa que “para iso xa están os laboratorios correspondentes”. Ven nesta medida unha forma encuberta de favorecer “a concentración da produción en macro-explotacións”, que serían as únicas en condicións de poder ter o seu propio servizo de análise.

 

En base á realidade das explotacións lácteas galegas, un elemento chave no medio rural do país que está a experimentar unha progresiva perda de undiades produtivas, FRUGA esixe ao Ministerio de Agricultura o abandono do proxecto de lei, e ínstao a traballar “ na consecución dun modelo de produción baseado na terra, e no cal o noso país, tería moitas posibilidades de ser pioneiro”.