As agresións por LGBTfobia cuadruplicáronse en cinco anos

Concentración contra as agresións LGTBfóbicas na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

As agresións, ataques ou ameazas motivadas pola orientación sexual ou identidade de xénero da vítima representan xa case un de cada tres delitos de odio rexistrados na Galiza nos últimos anos. E as denuncias son, lembran as expertas, apenas a punta do iceberg dos ataques que realmente se producen.

No ano 2017 as estatísticas do Ministerio de Interior recollían que na Galiza se denunciaran 41 delitos de odio, dos cales seis tiñan como motivación a orientación sexual ou identidade de xénero das vítimas. Cinco anos despois, en 2021 —último exercicio con datos dispoñíbeis—, a cifra de delitos aumentara a 73 e os ataques relacionados coa LGBTfobia a 23, o que supón case catro veces máis que en 2017.

Entre 2013 e 2021 houbo 531 delitos de odio e máis de 150 tendo como motivación a orientación sexual ou identidade de xénero das vítimas. A seguir, con máis de cen, están motivados polo racismo e xenofobia.

O Consello de Ministras analizaba a finais de 2022 o II Plan de acción de loita contra os delitos de odio 2022-2024. Informábase no Consello que en 2021 as Forzas de Seguridade investigaron 1.802 posíbeis delitos de odio no Estado, 530 máis que cinco anos antes, o que representa un incremento de 41,6%. Nese mesmo período, 2017-2021, o aumento na Galiza foi de máis de 70%.

As vítimas

Máis de 230 persoas foron vítimas entre 2015 e agora de delitos racistas ou pola súa condición sexual. No último ano rexistrado, 2021, esta situación sufrírona 23 persoas, unha media de dúas por mes. En 2020 —ano do confinamento— a cifra de vítimas de LGBTfobia era de cinco; en 2019 foron 12 e en 2018 foron 10 as persoas que sufriron ataques ou agresións na Galiza por causa de motivación a orientación sexual. 

En 2021, houbo varios exemplos na Galiza de como este tipo de violencias volvían após a 'parada' da pandemia: o asasinato de Samuel Luiz na Coruña, unha parella homosexual golpeada na mesma cidade, pintadas homófobas na casa dun veciño de Cabo de Cruz que pendurou da xanela unha bandeira do orgullo ou unha muller trans agredida en Compostela.

Aumentou moito o odio", advirten desde os colectivos

Os datos oficiais non representan toda a gravidade do problema. "O nivel de denuncia é baixo, anda por volta de 10%", afirmaba en 2022 a Nós Diario Pablo Zas, do Observatorio da LGTBIfobia da Coruña. Isto é, só unha de cada dez agresións.

Alberte Bello fora agredido e insultado en Vigo ao berro de "maricón de merda" por levar unha pulseira coas cores da bandeira do Orgullo. El si presentou denuncia, no seu caso, ante a Policía Nacional. "Sinto que todo está mudando a peor, baixo unha perspectiva de odio que se fomenta desde grupos extremos e radicais que teñen unha cobertura que non é boa, que sementan odio e violencia e que non nos van traer nada bo a esta sociedade", denunciaba naquela altura a Nós Diario.

Desde o Observatorio contra a LGTBIfobia advirten que "se está a normalizar o uso de discursos de odio", da man de determinadas organizacións políticas e medios de comunicación.

"Hai que deixar claro que esas mensaxes son discursos de odio", insiste Pablo Zas, "como tamén hai que deixar claro que falar de dereitos LGBT é falar de dereitos humanos", remarca.