A Agra do Orzán reivindícase fronte á "estigmatización" do barrio pola pandemia

Imaxe da rúa Barcelona, no barrio coruñés da Agra.
A Agra do Orzán é un dos barrios máis populosos, non só da Coruña, senón da Galiza e mesmo de Europa. Especialistas en socioloxía e arquitectura razoan por que zonas como esta están máis expostas ao coronavirus, razóns que van máis alá das accións individuais e que responden a motivos estruturais.

Para a asociación veciñal da Agra do Orzán, a alusión do presidente da Xunta a este e outros barrios populares da Coruña como as "zonas cero" do coronavirus na cidade, hai unha semana, non foi senón un exemplo do tratamento que recibiu a súa veciñanza desde o inicio da pandemia. "Fomos estigmatizadas, culpabilizadas, cando a xente cumpría as indicacións igual que o fai o resto", expón a secretaria da entidade, Marisol Mirás.

Máis grave resulta, a ollos da presidenta da asociación, María Gutiérrez, sinalar lugares concretos –Alberto Núñez Feixoo focalizou na Agra, nos Mallos, no Ventorrillo e na Sagrada Familia, os barrios con maior densidade de poboación do municipio e con menor renda, a súa "preocupación"– para despois "non tomar ningunha medida e centrar o discurso na responsabilidade individual, como se fose a única causa e a Xunta non tivese nada que facer".

A doutora en Socioloxía da Universidade da Coruña Antía Pérez Caramés concorda en que a focalización do discurso en barrios concretos, que desde a Xunta se fai sen achegar datos desagregados de incidencia da Covid-19, o que fai é "sinalar" as persoas habitantes sen que se poida facer unha análise. 

"É perigoso", advirte, apuntando ademais a que a asociación que fixo Feixoo ao vincular maior índice de contaxios con barrios máis populosos é unha tautoloxía. "Ao longo da historia, diante de calquera epidemia infecciosa, existe unha relación entre contaxio e densidade de poboación, é unha obviedade".

Con 26.199 residentes censados en apenas 0,45 quilómetros cadrados, a Agra non é só o barrio máis denso da Coruña, senón que presenta unha das maiores concentracións de Europa.

Como observa Pérez Caramés, exemplifica ben, ademais, o que son os barrios "de aluvión", construídos en pouco tempo e en vertical, "sen atender aos estándares do urbanismo burgués, de rúas amplas, espazos aireados, vexetación ou zonas de paseo". "Son zonas que favorecen unha maior concentración de poboación", resume.

Así o testemuñan na asociación veciñal, ao aludir á súa histórica demanda dunha zona verde para o barrio, non atendida en décadas. "A rúa Barcelona, peonil e que ademais é a única chaira da zona, é o espazo que temos para pasear. É lóxico que alí se concentre moita xente, non hai outra", fai notar a súa secretaria.

O factor social

Esta forma de urbanismo determina tamén a composición social. "Son barrios dinámicos, con moita mobilidade residencial, onde a xente con capacidade económica moderada busca alugueiro. Neles hai recambio poboacional, tamén moita poboación migrante e traballadora", expón a socióloga. "Finalmente, todo ten que ver cunha dimensión de clase que se plasma no espazo", conclúe. 

Tamén o director da Escola de Arquitectura da Coruña, Plácido Lizancos, ve determinante na incidencia do virus o factor social. "Ten que ver cos hábitos vitais. No confinamento houbo quen puido teletraballar, menores que seguiron as clases desde a casa, e quen non tivo esa posibilidade", explica.

Condutores, persoal de limpeza, de descarga de peixe, ou que traballa nas oficinas de emprego non puideron escoller confinarse e en moitos destes traballos atópanse, aduce, as rendas máis baixas.

O arquitecto engade á ecuación o factor arquitectónico das vivendas de barrios onde a pandemia golpea con máis forza, sexa na Coruña, en Madrid, Sevilla ou Lisboa. "Moitas non cumpren os estándares actuais de habitabilidade: adoitan ter cuartos italianos, onde unha habitación airea outra, un número limitado de servizos, patios de ventilación de dimensións reducidas ou son vivendas que só dan ao patio de mazá", expón.

Como sinala, a Agra, os Mallos ou a Sagrada Familia coinciden nesas deficiencias de aireación e baixa exposición ao sol, o que favorece que a actividade colectiva que non se pode facer na vivenda tenda a levarse aos espazos urbanos.

"Pero a acción sobre a cidade non consiste unicamente en arranxar o espazo público. Hai que saber en que condicións vive a cidadanía dentro da súa casa. Unha sociedade xusta e avanzada socialmente no pode despreocuparse e creo que a riqueza e enerxía destes barrios pode aproveitarse. Hai espazos de oportunidade, física e social, para cubrir mellor as necesidades colectivas", observa, apelando ás Administracións.

Lizancos suma aínda un elemento para explicar a maior vulnerabilidade de barrios como o da Agra ao virus, como é o uso do transporte colectivo:  "Seguindo o rastro da Covid-19 vese que a maior prevalencia se dá en barrios onde a única forma de acceder é en transporte público".

É o que acontece, segundo a asociación veciñal, na Agra, un distrito "traballador, e un dos que máis se desprazan, algo do que si deberían preocuparse as Autoridades sanitarias".  

Alerta contra os discursos de odio

A ONG Ecos do Sur funciona desde 2012 na Agra do Orzán coa tarefa de facilitar a integración da poboación migrante e de colectivos en risco de exclusión. Antes diso, tiña a súa sede nos Mallos.

"A información é importante para poder facer seguimento dos focos e para que a xente teña coidado, mais estamos pendentes de que isto non repercuta directamente nas persoas", admite a súa directora, Saray Durán, que advirte un certo incremento da "xenofobia, o idadismo e os discursos do odio cara ás persoas que dan positivo".

"Informar é importante, pero coidado con eses discursos, con criminalizar a quen se contaxia", salienta, lembrando que barrios "con moita vida, como o da Agra, teñen máis fácil contaxiarse".