Así son os 'Agapitos', os 'gánsteres' que axexan o rural galego

Os 'Agapitos' van "porta por porta" informando dos proxectos que buscan executar na zona as súas respectivas empresas. (Foto: Nós Diario)
As plataformas veciñais SOS Suído e Alarma na Terra de Montes impulsan a campaña 'Coidado cos Agapitos!' para "alertar" a veciñanza dos técnicos de empresas enerxéticas e mineiras que "van porta por porta buscando sementar a desconfianza entre veciños".

"Agapito ía soltando a información que lle interesaba no momento oportuno, e ía calibrando o contido das súas mensaxes segundo a aprendizaxe previa da situación socioeconómica do propietario. Así, ía conseguindo sinaturas en documentos que rapidamente reportaba a seus xefes inmediatos". Así definía hai uns meses o Observatorio Eólico da Galiza (Oega) aos técnicos de empresas enerxéticas que, segundo denuncia a veciñanza, actúan como unha sorte de 'gánsteres'.

Agapito é o nome ficticio dunha desas "persoas amábeis contratadas polas mineiras ou eólicas que actúan nos territorios afectados". O seu traballo é "tantear o terreo" para a instalación futura de infraestruturas de aproveitamento enerxético ou de recursos minerais.

O modus operandi destes técnicos é o seguinte, segundo indican a Nós Diario desde os colectivos SOS Suído-Seixo e Alarma na Terra de Montes, promotores da campaña 'Coidado cos Agapitos!': "Petan directamente na porta de xente das directivas das comunidades de montes, mais tamén nas casas de particulares".

Chegan cun "ton amábel", mais, aseguran, "buscan sementar a desconfianza entre veciños e comunidades". "Non son visitas con finalidade informativa. Buscan confundir, dividir a comunidade e tantear como está o negocio para as empresas. Se quixesen informar farían as xuntanzas abertas con posibilidade de participación pública", lamentan.

O último 'Agapito' avistado pola veciñanza foi da empresa Recursos Minerales de Galicia S.L., que pretende impulsar un proxecto de minaría extractiva de litio nas serras do Suído e Seixo, malia que, lembran, "o pasado mes de marzo o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou o recurso contra o arquivo do proxecto mineiro 'Alberta I'".

É posibel saber quen son? "Temos observado que moitas veces son persoas de empresas subcontratadas polas propias empresas eólicas ou mineiras, polo que é mais difícil identificalos con discernimento", subliñan.

No marco desta campaña que iniciaron das redes sociais, ambas as plataformas prevén facer coladas de carteis "por todas as aldeas" afectadas polos proxectos e nas que hai mala conexión á Internet. "Para nós o importante é vernos e falarmos entre veciñas, regar a confianza e o coidado da nosa xente igual que a terra", enfatizan.

Mais isto, advirten, non é un fenómeno exclusivo do rural; pode haber 'Agapitos' "á volta da esquina": "Alentamos a todos os movementos sociais do país a que se boten tamén aos camiños. Isto aféctanos a todas, tamen ás persoas que habitan as cidades", conclúen desde os colectivos veciñais.