Afectados pola silicose denuncian a precariedade no sector da lousa

Explotación de lousa na comarca de Valdeorras. (Foto: Nós Diario)

A Deputación de Ourense inaugurou esta terza feira no centro Marcos Valcárcel da cidade das Burgas unhas xornadas tituladas 'Arquitectura, construción e lousa en Valdeorras', onde se analiza a relevancia dese material na actividade construtiva. A mostra coincidirá no tempo cunha concentración convocada para mañá pola CIG fronte ao hospital do Barco de Valdeorras para reclamar un servizo de Pneumoloxía que preste atención ás persoas doentes de silicose.

"A situación da silicose na comarca  de Valdeorras é gravísima. A exposición ao po é moi elevada e, aínda que as naves melloraron, as empresas non están pendentes da xente para que se coide", apunta a Nós Diario José Rodríguez, presidente da Asociación de Afectados pola Silicose de Valdeorras (Asilival), fundada hai dous meses e que reúne xa a máis de 200 persoas na comarca.

"As medidas de seguridade laboral e protección non funcionaron nin funcionan; de facelo, non habería tantos casos de silicose", sinala a este xornal o secretario nacional da federación da Construción da CIG, Plácido Valencia, que denuncia que para as empresas do sector da lousa de Valdeorras "a seguridade do seu persoal non é unha preocupación".

Os datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Silicose para o período 2012-2023 dan a razón a García. Así, neses 11 anos rexistráronse 943 casos na Galiza, 613 en Castela e León, 405 en Asturias, 123 en Andalucía e 226 nas restantes comunidades. Na mesma liña, indica que a provincia de Ourense concentra 567, sendo o sector da lousa con 607 o que máis casos rexistrou na Galiza, ficando por detrás o granito, con 201.

"Un dos problemas graves está nas naves onde se traballa a lousa que se extrae das canteiras", explica Rodríguez, desvelando que "as máquinas cortan a pedra en seco, non como antes que a cortaban en auga e ese po que se crea é o máis perigoso e é imposíbel de acabar con el". Na mesma dirección, advirte de que, "dous días antes de que veña a Inspección de Traballo, as empresas xa o saben e avisan para que se limpe o po e que estea todo correcto cando cheguen os inspectores”.

Rodríguez sinala que "cada mes ou cada dous meses as mutuas, que son as que controlan a saúde da xente até que non tes recoñecida a silicose, colocan un aparato para medir as emisións de po que vas tragando e segundo nos teñen comentando algúns responsábeis moitas veces dan niveis que superan a normativa pero as empresas prefiren pagar as sancións que lles impoñen a reducir as emisións de po".

"Nefastas"

"As condicións nas que traballa o persoal da lousa son nefastas", destaca Valencia, quen afirma que "os propios vehículos nos que transportan as empresas aos traballadores e ás traballadoras levan sílice en todas partes e moitas veces esta vai na roupa de traballo".

Valencia indica que "os talleres das empresas onde se traballa a lousa levantan moito po, por moita limpeza que haxa". Na mesma dirección, avanza que "o persoal que desenvolve a súa actividade nas canteiras e o que traballa nas naves rexistra unha porcentaxe semellante de silicose". Neste punto, Rodríguez cifra o número real de persoas doentes na comarca de Valdeorras en máis de 1.500.

As condicións laborais no sector da lousa de Valdeorras son extremas, alertan. Neste sentido, Valencia denuncia que "é un sector moi precarizado, cunhas condicións de traballo medievais e dun xeito case escravista". Na mesma liña, advirte de que "por convenio, o persoal ten estabelecida a xornada laboral máis alta do Estado e ademais para completar os salarios vese obrigado a facer moitas horas extras, o que eleva a súa exposición ao sílice e aumenta o factor de risco da silicose".     

A situación laboral ten empeorado nos últimos anos no sector da lousa de Valdeorras. A este respecto, Rodríguez sinala que "nos reunimos desde Asilival co Clúster da Lousa, que nos dixo que non conta con man de obra cualificada, pero como vai haber man de obra cualificada se pagan entre 1.200 e 1.300 euros ao mes, que é o mesmo que eu gañaba nos 90? É imposíbel ter man de obra cualificada se non pagan e non forman".

A diagnose de Valencia está na mesma liña. Neste sentido, destaca que "o persoal da lousa de Valdeorras perdeu entre 2020 a 2024 o 11% do seu poder adquisitivo e o último convenio asinado en agosto de 2024 por UXT, que ten a maioría dos delegados e das delegadas, e rexeitado pola CIG consolida todos estes recortes". Nesta orientación, revela que "o persoal da lousa cando se ten que xubilar a causa dunha enfermidade laboral non ten recoñecida unha indemnización".

Rodríguez e Valencia coinciden en sinalar que "hai medo" entre o persoal do sector da lousa. Nesta liña, o secretario nacional da federación da Construción da CIG sinala que “traballan familias enteiras, desde o pai aos fillos e saben que se se move un, moven os seus parentes”. Ao tempo, desvela que “hai moito emigrante, está todo en mans de dúas empresas e iso xera aínda máis medo".

"Cando vexo os traballadores e as traballadoras da lousa, semellan que están secuestrados", asegura Valencia, quen critica "a conivencia entre a patronal e a UXT, até o punto de que moitos traballadores e traballadoras non saben que na súa empresa hai eleccións e representantes sindicais”.

2.000 persoas ocupadas

Valdeorras é o maior centro de produción de lousa do mundo, con mais de 70 explotacións activas, onde traballan ao redor de 2.100 persoas. Nesta comarca, a practica totalidade da actividade está en mans dos grupos Cupa Group e Cafersa. O primeiro deles é o líder internacional do sector, cunha facturación en 2023 de 437 millóns de euros e pertence ao fondo de investimentos canadense Brookfield. O segundo é propiedade da compañía alemá Rathscheck Schiefer, que ingresou en 2023 mais de 100 millóns de euros no Estado español, onde declara máis de 600 traballadores e traballadoras.

As consecuencias da concentración do negocio nestas dúas compañías son denunciadas por José Rodríguez e Plácido Valencia. Neste sentido, Rodríguez sinala que "antes as empresas eran familiares, agora pertencen a dous fondos de investimento que non son de aquí. Van a números, buscando maior beneficio, e dentro de dez anos aquí non vai quedar nada". Pola súa banda, Valencia explica que "agora todo está en mans de dúas empresas, de dous fondos de investimento de fóra que están a espoliar o pobo e iso xera maior medo porque a xente sabe que se te botan dunha canteira é máis difícil atopar traballo porque as outras van ser do mesmo dono”.

Falta de servizos sanitarios

A carencia de medios no Hospital de Valdeorras para facer fronte ás necesidades das persoas afectadas pola silicose é unha denuncia constante do presidente da Asociación de Afectados pola Silicose de Valdeorras, José Rodríguez. A este respecto, denuncia que “nos teñen abandonados” e alerta de que o Servizo Galego de Saúde “quere derivar os enfermos de silicose de Valdeorras aos hospitais de Ourense e Vigo”. Nesta dirección, critica que “están desmantelando o hospital desde que xa non somos unha área sanitaria e xa faltan 18 especialistas” e reclama para Valdeorras un servizo de Pneumoloxía. Precisamente, a CIG convoca para mañá unha protesta diante do Hospital de Valdeorras  emprazado na vila do Barco para reclamar esta prestación chave para os doentes de silicose.