As afectadas polas peaxes da AP-9 en obras aínda poden reclamar

A AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande, sobre a ría de Vigo (Imaxe: Wikimedia).
A asociación de consumidoras En Colectivo sumouse en 2019 á demanda interposta pola Fiscalía de Pontevedra contra Audasa polo cobro de peaxes na AP-9 durante as obras da Ponte de Rande. Valora que as denuncias presentadas representan unha "pequena parte" de todas as afectadas.  

"O efecto é menor do que agardabamos, e máis agora que existe unha sentenza favorábel", valora Diego Maraña, presidente da asociación de consumidoras En Colectivo, representante de afectadas polo cobro das peaxes na AP-9 durante o período de obras na ponte de Rande entre 2015 e 2018. A entidade sumouse en outubro de 2019 á demanda interposta pola Fiscalía de Pontevedra contra a concesionaria da autovía de pago en representación de consumidoras, autónomas e empresas.

En Colectivo calcula que as afectadas son moitas das que se sumaron a súa demanda e, aínda que nas horas posteriores á publicación da sentenza nos medios si recibiron o contacto de xente interesada, considera que moitas renuncian por posíbeis dificultades no proceso.
"E isto non é así, pois só é preciso presentar un extracto bancario do pagamento da peaxe ou, no seu defecto, do pago co dispositivo de telepeaxe do automóbil", di Maraña en declaracións a Nós Diario.

O presidente de En Colectivo recibe "moi positivamente" o ditame do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra, que sentenciou á empresa a devolver peaxes con cargo ás usuarias durante os 81 incidentes de tráfico rexistrados por ditas obras. "Vai xerar un precedente da obriga por parte da empresa en situacións similares para que non cobre de xeito abusivo", apunta. Maraña engade que até o final da execución da sentenza é posíbel sumar novas interesadas á causa. "Restan dezanove días para que se emita unha resolución en firme, e a partir de aí poderanse unir máis afectadas", di.

Fontes de Audasa informaron de que ao longo desta semana se anunciarase se recorre contra sentenza do xulgado de Pontevedra.  Nun comunicado, a concesionaria fixo fincapé en que os atrasos provocados polas obras foron "mínimos" e que a execución "non xerou demoras superiores a un ou dous minutos na case totalidade do tempo na que se prolongaron". 

Denuncia pola prórroga da concesión

En xullo de 2019, En Colectivo presentou perante a Comisión Europea unha denuncia polas prórrogas da concesión da AP-9 aprobadas polo Goberno central en 1994 e 2000, en ambos casos a través dun Real Decreto que na segunda ocasión ampliou a xestión de Audasa até 2048. "Segundo a lexislación europea, calquera modificación substancial dunha concesión, tanto a nivel de prazos como de financiamento, comporta a obrigatoriedade do Estado membro de abrir unha nova licitación e neste caso non a houbo", resume Diego Maraña.

O presidente de En Colectivo explica que a meirande parte das denuncias desta natureza non prosperan, mais que neste caso transcorreron oito meses desde que foi presentada e que aínda agardan que a Comisión abra un ditame "por incumprimento da normativa ao Estado español".