[VÍDEO] É posíbel producir enerxía eólica con turbinas sen aspas?

As pequenas dimensións das turbinas permiten a súa integración no eido urbano. (Foto: Vortex)
Unha empresa tecnolóxica traballa no desenvolvemento de aeroxeradores que xeran electricidade co movemento oscilatorio.

Cando se fala de enerxía eólica pénsase en muíños de grandes dimensións con aspas que miden varios metros de longo e que concentran boa parte das protestas das organizacións ecoloxistas, xa que supoñen un potencial perigo para as aves.

Porén... É posíbel producir enerxía coa forza do vento sen, precisamente, esas aspas? Unha empresa con sede en Ávila, Vortex, está a desenvolver un aeroxerador carente de aspas que funciona grazas á resonancia aeroelástica.

O 'eólico sen pas' consta dun cilindro que "captura a enerxía do vento cando entra en resonancia polo seu efecto aerodinámico, denominado desprendemento de vórtices", e posteriormente transforma a enerxía mecánica en electricidade mediante un alternador con ese movemento oscilante.

O cilindro é ríxido e está deseñado para oscilar coa acción do vento, ficando ancorado á vara ou núcleo. A frecuencia de desprendemento de vórtices, o que permite transformar a enerxía en electricidade, é "proporcional á velocidade da corrente do vento", precisan desde a compañía.

En contraposición cos muíños de aspas tradicionais, sosteñen, estes dispositivos teñen un tamaño moi reducido e o movemento que producen é "inofensivo", xa que, "canto máis grande é, máis lento oscila".

O obxectivo é que estas turbinas, que inicialmente terían unha potencia de 100 watts, poidan situarse en espazos urbanos dada a súa "fácil integración" coa contorna, así como para aproximarse aos centros de consumo dunha forma máis eficiente.

O deseño "simple, de baixo peso e silencioso" do xerador, aseguran, permitirá "facer un uso máis eficiente das materias primas". A ONG SEO/BirdLife traballa nun programa de colaboración para probar estes dispositivos e medir o seu impacto para a avifauna.