AECT Río Miño pide que a fin do estado de emerxencia en Portugal implique a apertura da fronteira

Faixa nunha ponte entre Galiza e Portugal (Foto: AECT)

O vicedirector Uxío Benítez insta os gobernos a adoptar medidas concretas para compensar ao territorio miñoto polo pechamento.

Uxío Benítez, vicedirector da AECT Rio Miño, pediu aos Gobernos español e portugués que a decisión de poñer fin ao estado de emerxencia en Portugal implique a apertura das fronteiras “de maneira inmediata”.

Segundo apuntou Benítez, para o territorio transfronteirizo do Río Miño a decisión e o anuncio que debe facer o Estado Portugués non é tanto relativa ao estado de emerxencia en vigor dende o 9 de novembro, senón sobre a apertura formal das fronteiras, xa que o pechamento  vai facer tres meses: “Non tería ningún sentido que se anuncie a non renovación do Estado de Emerxencia e non leve parella a apertura”, subliñou.

A caída derivada do efecto fronteira no comercio foi dun 14,18% sobre o efecto do confinamento, e na hostalaría e restauración foi dun 16,53%.

Tamén esixiu aos Gobernos o anuncio de medidas concretas para compensar os territorios como o do Miño que sufriron, afirma, un grave deterioro económico por duplicado, tanto pola pandemia en si, como polo feito de estar nunha ubicación transfronteiriza.

Ademais de pedir públicamente a apertura da fronteira Benítez deu a coñecer que o AECT instalou unha gran pancarta reivindicativa na Ponte da Amizade entre Tomiño e Cerveira na que se pode ler ‘EU Help. Open de borther’, en relación á  “necesaria chegada de fondos europeos para reactivar a economía da zona”.

O estudo do impacto socioeconómico encargado polo AECT Rio Miño á  Universidade de Vigo sobre o primeiro confinamento e o pechamento da fronteira entre Pontevedra e Portugal revelou que se producirá unha caída do Produto Interior Bruto de máis de oitenta millóns de euros nos 26 concellos do territorio transfronteirizo do Miño só nese periodo.

A caída derivada do efecto fronteira no comercio foi dun 14,18% sobre o efecto do confinamento, e na hostalaría e restauración foi dun 16,53%.