A AECT Rio Minho reclama un tren de proximidade Vigo-Viana do Castelo

Uxío Benítez, esta sexta feira (Foto: Nós Diario).
Conclúe o Foro de Mobilidade Transfronteiriza.

O Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Rio Minho rematou onte concluíndo que o tren de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo “é viábel e necesario pola realidade socioeconómica e demográfica do territorio, e só será posíbel con vontade política para poñelo en marcha, xa que a infraestrutura está feita, hai demanda e tamén fondos europeos para levalo adiante”. 

Estas foron as ideas chave do feche das xornadas de traballo expostas polo director do Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho e deputado en funcións de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, que resumen as intervencións lanzadas polos comisionados dos corredores Atlántico e Mediterráneo e por parte de persoas expertas e investigadoras e voceiros de sindicatos e empresariado da zona miñota. 

A alternativa

Benítez destacou que o tren de proximidade é “a alternativa para territorios como o do Miño que son o centro dun territorio natural e poboacional que a pesar da fronteira administrativa, non se corta”.

Destacou que malia que o referiu se falou tamén á alta velocidade entre Vigo-Porto, á grande obra da saída Sur de Vigo ou ao tránsito de mercadorías e á importancia de estar no Corredor Atlántico, “a gran reivindicación para este territorio miñoto é a demanda do tren de proximidade, factíbel e viábel”, insistiu. 

Os argumentos para xustificar a necesidade e viabilidade do servizo Vigo-Viana con máis liñas, frecuencias e paradas, segundo o director do AECT, son que "existe xa unha infraestrutura modernizada e electrificada, que hai unha realidade socioeconómica que a demanda, unha realidade demográfica, unha intermodalidade (de portos e aeroportos) e tamén unha potencialidade turística".