Adxudicados os estudos para o AVE entre O Porriño e Portugal
O Ministerio adxudicou por 835.384 euros un contrato para realizar un estudo que se desenvolverá en dúas fases.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel adxudicou por 835.384 euros un contrato de servizos para redactar os estudos do tramo do eixo atlántico entre O Porriño (comarca de Vigo) e a fronteira portuguesa.
O obxectivo do contrato é definir o trazado entre o tramo que se está analizando no estudo informativo do saída sur de Vigo, na actualidade en redacción, e a infraestrutura que están a definir as administracións portuguesas ao sur do río Miño, explica o ministerio.
Para iso, os traballos estrutúranse en dúas fases. A primeira delas, un estudo de viabilidade, que incluirá unha análise preliminar de alternativas, un estudo de demanda e unha análise custo-beneficio desde unha perspectiva socioeconómica, co fin de apoiar a toma de decisións sobre a actuación.
En segundo lugar, haberá un estudo informativo que incorporará a análise das distintas alternativas de trazado "co nivel de detalle necesario" para o seu sometemento a información pública, avaliación de impacto ambiental e a súa aprobación.
Inclúe a prestación de servizos de enxeñaría (consultoría e asistencia) para a realización dos mencionados trámites de información pública e audiencia ás administracións, análises de alegacións e obtención, no seu caso, da declaración de impacto ambiental, até a aprobación definitiva do estudo informativo.
"Este estudo representa un novo avance na construción dunha conexión internacional estratéxica para Galiza, España, Portugal e Europa, ao dar continuidade ao eixo atlántico de alta velocidade entre A Coruña e Lisboa", resalta Transportes.
Ademais, asegura que "reafirma o compromiso do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel coa Galiza e, en particular, con Vigo", en cuxa contorna se están analizando tanto a mellora da súa conexión coa rede estatal de alta velocidade como actuacións técnicas sobre a infraestrutura na área de Redondela (comarca de Vigo) ou o estudo complementario adxudicado recentemente para a variante de Cerdedo (Tabeirós-Terra de Montes).
"O inicio deste estudo informativo supón un novo paso para impulsar as conexións ferroviarias entre o Estado español e Portugal, de acordo co compromiso referendado por ambos os países no XXXV Cumio Hispanoportugués, decorrido en Faro no mes de outubro de 2024", sinala o Goberno estatal.
Engade que a actuación responde os obxectivos da Estratexia de Mobilidade Sostíbel, Segura e Conectada 2030, encamiñada a mellorar a cohesión social, o crecemento económico e a liquidar os problemas de mobilidade.

