Xustiza

As adxudicacións a Monbus levan outros catro cargos da Xunta ao xulgado

A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte. (Foto: Monbus)
Esta segunda feira declararon catro responsábeis da Consellaría de Educación.

Catro responsábeis da Consellaría de Educación vinculados á adxudicación de diversos lotes de transporte escolar á empresa Monbus prestaron esta segunda feira declaración nos xulgados de Santiago de Compostela, tal e como adiantara Nós Diario.

Son o subdirector xeral de Coordinación Económica e Contratación da Secretaría Xeral Técnica, o interventor delegado da Consellaría, a asesora xurídica da Área de Educación da Consellaría e a xefa da Sección de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral Técnica negáronse a contestar as preguntas da acusación e limitáronse a responder ás formuladas polos seus avogados, segundo fontes coñecedoras do procedemento.

A liña argumental esgrimida por estes cargos, segundo estas fontes, incidiu en que non tiñan constancia de que Monbus estaba a ser beneficiaria de máis lotes dos fixados como máximo no prego de condicións (8).

Outros cargos da Xunta terán que declarar ante o xulgado por mor destas adxudicacións. Será o 5 de outubro e entre os citados están o presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal) e dous vogais desta institución.

A nova fase do litixio iníciase tras determinar en diversas sentenzas o TSXG que a adxudicación de varias liñas de transporte escolar á empresa Monbus non se axustou a dereito. Neste sentido, os autos consideran probado que Educación incumpriu o disposto nas bases do concurso e na lexislación.

Os argumentos xurídicos empregados polo TSXG sinalan que as unións temporais de empresas (UTE) onde a participación do grupo Monbus era maioritaria no seu capital conseguiron 29 lotes do concurso de transporte escolar de 2021, cando os pregos do mesmo sinalaban que a ningunha compañía se lle podían adxudicar máis de oito.

Nesta liña, o tribunal entende que o recurso por parte do grupo Monbus á figura legal da UTE pode responder a unha táctica “para repartirse de forma anómala o mercado”, limitando o dereito á libre competencia.