Advirten de riscos para o persoal de limpeza escolar pola falta de reforzos

Imaxe de arquivo dun centro de ensino de Pontevedra.
A sección de Administración da CIG alerta de que as escolas de Infantil, Primaria, institutos de ESO, Bacharelato, educación especial, escolas de idiomas, conservatorios e Formación Profesional da Xunta abrirán en setembro as súas portas "sen a seguridade suficiente fronte á Covid-19 ao non poder garantirse a hixiene, desinfección e limpeza axeitada das súas instalacións" pola falta de reforzo dos equipos de limpeza.

O sindicato denuncia que o protocolo da Xunta para adaptar o inicio de curso á situación epidemiolóxica é "inasumíbel" porque aumenta as tarefas de limpeza sen reforzar o cadro de persoal.

"Co traslado dunha persoa de tarde para tarefas Covid-19 para a mañá provócase que, na práctica, non se dea feito unha limpeza ordinaria pola tarde e moito menos unha limpeza Covid", afirma a responsábel nacional de Administración, Zeltia Burgos

Como fai notar, o operativo específico polo virus inclúe "varrido e fregado de todas as superficies, como se se tratase dunha limpeza xeral, pero nun só día" en todos os recintos e espazos do centro.

"Realmente poden dúas persoas limpar todas as superficies de contacto cada día e, algunhas delas, varias veces ao día?", pregúntase.

A organización asegura, ademais, que este persoal non recibiu formación ningunha en materia de prevención, nin sabe de que EPI vai dispor –sobre todo para limpar zonas de alta concentración de virus, como poden ser os lavabos– ou se contará con servizo de lavandaría para desinfectar a súa roupa de traballo, o que a ollos da CIG  supón "unha nova desfeita" da Xunta que deixa en grave risco  este colectivo profesional.