Advirten de que as axudas Next Generation á Ribeira Sacra beneficiarán axentes externos e favorecerán a xentrificación

Ribeira Sacra (Foto: Xunta da Galiza).

O colectivo Interior Galego Vivo denuncia o “continuísmo” do proxecto de orzamentos da Xunta da Galiza para 2022. “Para o rural significa afondar na discriminación e na falta de investimentos”, advirte. Pon de manifesto, ademais, que as liñas de axuda para a reserva da biosfera na Ribeira Sacra, procedentes dos fondos Next Generation, beneficiarán axentes externos e favorecerán a xentrificación.

Interior Galego Vivo advirte de que os orzamentos galegos para 2022 prevén 6,4 millóns, procedentes dos fondos da UE Next Generation, para a área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra e para a reserva da biosfera.

O colectivo advirte de que estas axudas “beneficiarán axentes externos e non a poboación local, favorecendo con este modelo a xentrificación e a especulación coa vivenda en aldeas moitas veces xa case practicamente baleiras”.

Tamén cualifica como “cativo” o cofinanciamento para o servizo de atención ao fogar e para escolas infantís. Aseguran que este modelo “obriga a concellos que perden poboación e recursos a achegaren cada vez proporcionalmente maiores recursos”.

O Plan de acción da paisaxe só contempla 13.211 euros por concellos para instalar sinaléctica

Critica o colectivo a ausencia de política industrial, “centrando os exiguos investimentos no turismo”, así como a ausencia do plan para o porto seco, “no capítulo de infraestruturas a Xunta repite un ano máis a partida para os accesos do Porto Seco coa N-120 (750.000 €), sempre sen executar”.

“Unha vergoña que mostra o desleixo das administracións con Monforte e a súa comarca, dado que a Xunta non conta cun proxecto integral de desenvolvemento industrial para a zona sur, que debe ir parello á modernización ferroviaria e impulso ao taller de Renfe”, expón Interior Galego Vivo nun comunicado de prensa.

Ademais de advertir de que o Plan de sustentabilidade turística non chega a proxectos da mocidade nin favorecen investimentos que fixan poboación, denuncia que o Plan de acción da paisaxe só contempla 13.211 euros por concellos para instalar sinaléctica.

A aposta polas “macrorresidencias” de maiores, a falta de investimentos en materia sanitaria e a falta de partidas por concellos como Laza, Xinzo, Manzaneda, Chandexa de Queixa, Chantada, Samos, Quiroga, Trives, Sober, Vilalba, Monterroso, Navia de Suarna, O Saviñao... son outras das denuncias que formula a entidade.

O colectivo lamenta que o proxecto de contas de 2022 non conte con proxectos de importancia para o seu ámbito territorial. “Non existen liñas transformadoras nin tractoras de cara á integración das axudas europeas para saír dunha estrutura económica cada vez máis dependente e pauperizada”, denuncia.

Interior Galego Vivo defende “unha fiscalidade rural” e a reforma do financiamento local, e empraza a Xunta a “estar realmente ao servizo das galegas e galegos que viven, manteñen e producen no medio rural”.