Adrián González, veciño de Santa Eufemia: "Os veciños salvaron todos os núcleos do Courel"

O domingo pasado, González foi desaloxado da súa vivenda. (Foto: Nós Diario)
Adrián González é veciño da parroquia de Santa Eufemia no Courel. Leva desaloxado da súa vivenda desde o pasado domingo. Após ter participado todos estes días nos traballos de extinción de incendios na súa localidade, explica a Nós Diario a súa situación persoal actual e dá a súa versión sobre o acontecido.

—Vostede é un dos máis de 600 veciños e veciñas do Courel desaloxado, no seu caso desde o domingo. Como se produciu a evacuación e como están vivindo esta situación?
O domingo apureime a chegar a casa, porque unha veciña advertiume de que estaban preparando o desaloxo de Eufemia (Courel) e foi chegar, recoller, unhas poucas cousas e marchar. Aínda así, a maioría dos veciños querían ficar para protexer o lugar e evitar que chegase o lume.

A decisión resultou un pouco precipitada, sobre todo o segundo desaloxo desde a parroquia de Folgoso até Triacastela. Porén, moi pouca xente marchou a ese concello, a maioría ficou aquí en casas de amigos ou parentes non ameazadas polo lume. O motivo de tentar mandarnos a Triacastela debeuse a que alí tiñan mellores instalacións e o pavillón preparado para acoller xente do Courel.

—Os efectos dos lumes están resultando devastadores no seu concello e tamén na súa parroquia, en Eufemia, como pensa que se puido chegar a esta situación?
Penso que isto é resultado dun conxunto de factores. Por un lado, están os de carácter natural derivados de dúas semanas cunhas temperaturas moi elevadas e dunha tormenta eléctrica sen auga, en definitiva cousas propias dun ano de moita seca. Por outro lado, están aqueles ligados á ausencia de medios materiais e humanos para facer fronte a un incendio.

Unha mostra disto é que en todo o distrito forestal VII, onde están incluídos concellos como o Courel, Quiroga ou Monforte, a día de hoxe non hai ningunha brigada municipal de extinción de incendios funcionando. Sen ir máis lonxe, no Courel comezarán a traballar esta fin de semana, algo que nunca pasou, posto que o normal era que no mes de xuño xa estivese operativa.

—Unha das queixas é a falla de medios materiais e humanos para combater o lume, mesmo que o concello non contase con brigadas municipais de extinción. Cre que con máis persoas e equipos se podería evitar a magnitude da traxedia?
Que faltaban e faltan medios é evidente. En Eufemia, onde estiven colaborando nos traballos de extinción, o lume achegouse ás casas por dous puntos. Un foco viña pola ladeira do monte e outro, que era o máis perigoso, pois chegaba ao centro da parroquia, viña por debaixo da propia estrada.

Neste caso catro veciños de Eufemia e tres bombeiros voluntarios chegados do Salnés cunha motobomba fomos os que paramos o lume e evitamos que chegase ás propias casas. A sensación foi moi dura porque nos víamos sobrepasados pola situación e non podiamos máis.

—A maiores do impacto social e humano dos lumes, estes teñen unhas consecuencias económicas, hai persoas que perderon a súa vivenda, outras o seu medio de vida... Que pode dicir disto?
Antes de entrar ao que me pregunta, debo dicir que os veciños salvaron todos os núcleos do Courel. Isto foi xeneralizado, non só en Eufemia senón noutros puntos como Vilamor que foron salvados por dous rapaces do lugar que quedaron a defendelo, malia a orde das autoridades de desaloxar ese espazo.

Tamén é de xustiza agradecer o traballo dos brigadistas que dobraron quendas e dos bombeiros voluntarios chegados doutras partes. As consecuencias dos lumes son terríbeis. Así, na parte de abaixo do concello do Courel ardeu todo a ambos os lados do monte. Podemos dicir que toda a masa forestal desde o municipio de Quiroga a Folgoso do Caurel foi arrasada polo lume.

As razóns da falla de medios

Adrián González non dubida de que “a falla de medios ten provocado que o lume arrasase hectáreas e hectáreas en todo o concello” e considera que “chegaron tarde e a Unidade Militar de Emerxencias (UME) provocou máis desorganización no operativo”. As queixas aos dispositivos da UME son habituais nos distintos lugares da Galiza onde empregan militares para combater os incendios, criticando a súa ausencia de profesionalidade á hora de actuar contra o lume.

A historia de Adrián repítese noutros focos incendiarios da Galiza. Neste sentido, existe unha sensación estendida de ausencia de medios para responder aos lumes e a falla de coordinación á hora de actuar. Nesta liña, consideran que os atrasos da Xunta ao asinar os convenios cos concellos para pór en marcha as brigadas municipais ten dificultado a capacidade de resposta.