Admitida a trámite unha querela por delitos patrimoniais nas obras do túnel da Mariña

Foi presentada pola asociación Fronte Cívica Somos Maioría que denuncia estas obras como “ilegais, faraónicas e que favorecen empresas amigas a costa do patrimonio histórico e económico”.

 

O xulgado de instrución número 1 da Coruña admitiu a trámite unha querela por delito contra o patrimonio histórico nas obras do túnel da Mariña, na cidade da Coruña. Foi presentada pola asociación Fronte Cívica Somos Maioría, que ten abertas outras dúas causas contra este proxecto.

Somos Maioría manifestou a súa “satisfacción” pola admisión da querela contra unhas obras que considera “ilegais, faraónicas e que favorecen empresas amigas a costa do patrimonio histórico e económico”.

A denuncia vai dirixida contra a Autoridade Portuaria, o Concello coruñés e as empresas vinculadas ao túnel, segundo recolle a axencia Europa Press. Entre os nomes das persoas sinaladas está a actual conselleira de Traballo, Beatriz Mato, ou o antigo presidente da patronal de empresarios galegos Antonio Fontenla.

A asociación asegura que durante as obras “foron destruídas edificacións e outros elementos que estaban baixo protección” patrimonial. Ademais, mantén un contencioso administrativo pola reforma do plan urbanístico e unha querela -tamén admitida a trámite- contra o alcalde do PP en funcións, Carlos Negreira”, acusado de prevaricación.