A administración da cuarta dose da vacina da Covid comeza en Ourense

Persoas da terceira idade nun centro de saúde ourensán. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Este fin de semana terá lugar o comezo da inoculación da cuarta picada da vacina contra a Covid na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco. A campaña diríxese ao grupo albo de alto risco.

A administración da cuarta dose contra a Covid na Galiza comeza hoxe na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco, na que está prevista a súa administración a máis de 3.300 persoas do grupo albo de alto risco ao que vai dirixida.

Após anunciar o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, o inicio da administración da cuarta dose a próxima semana na Galiza, a área sanitaria de Ourense adianta a súa inoculación a esta fin de semana, segundo informou a Xerencia da mesma.

Está previsto que reciban esta cuarta dose unhas 20.000 persoas en toda a Galiza, pertencentes ao grupo 7 do plan de vacinación do Ministerio de Sanidade, que no caso de Ourense-Verín-O Barco supoñen unha contabilización de 3.359.

Este grupo inclúe persoas con inmunodepresión, que recibiron transplantes e con tratamento activo de quimio-radioterapia, entre outras, informaron fontes sanitarias.

En concreto, no hospital de Ourense están citadas este sábado 150 persoas do grupo 7 para recibir a cuarta dose, outras 20 no hospital de Valdeorras e 20 máis no comarcal de Verín.

O domingo a área sanitaria convocou a 150 persoas para que se lles inocule a cuarta picada da vacina no Hospital de Ourense, que proseguirá a partir da segunda feira nos centros hospitalarios.

Noutras áreas, como a de Ferrol, teñen previsto citar ao longo da próxima semana, neste caso a partir da cuarta feira 23 de febreiro, persoas do grupo de risco para recibir unha nova dose da vacina contra a Covid.

Carolina Darias xustifica a administración da cuarta dose

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, fundamentou en xaneiro de 2022 a decisión de aplicar a cuarta dose na “evidencia que imos tendo, xa que a partir dos cinco ou seis meses comeza a baixar a protección dos anticorpos”.