Xuízo do Alvia

Adif sabía do risco da curva de Angrois desde o ano 2011

Ramón Iglesias Mazaira entrando esta quinta feira no xuízo do Alvia na Cidade da Cultura en Santiago. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Ramón Iglesias Mazaira abriu esta quinta feira as comparecencias no xuízo do accidente do Alvia en Angrois (Compostela), decorrido en 2013. O xefe de maquinistas reiterou que os responsábeis do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) sabían do perigo da curva de Angrois antes 
do sinistro. El mesmo achegara con anterioridade un informe que alertaba do risco do trazado.

O testemuño de Ramón Iglesias Mazaira era un dos máis agardados. Este profesional de Renfe remitira en decembro de 2011, só uns días despois da inauguración da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, un informe aos seus superiores onde advertía do risco que supuña para o tráfico ferroviario e para a seguridade dos pasaxeiros a curva de Angrois. Iglesias aproveitou as preguntas da Fiscalía e dos diversos letrados das diferentes defensas para reiterar a versión recollida no seu relatorio de decembro de 2021 e deixar constancia do perigo do trazado.

Ángel Lluch

Iglesias lembrou o escrito remitido ao xefe de Produción e Medios da Xerencia de Mercado Norte de Renfe, Ángel Lluch, onde alertaba das “anomalías" na nova liña de alta velocidade Santiago-Ourense. No mesmo, sinalaba o "brusco" descenso da velocidade, "sen aviso previo", na curva de Angrois, reclamaba medidas de seguridade e apuntaba que “parece importante ao respecto do momento anterior estudar a posibilidade de solicitar a implantación en vía de sinais de limitación permanente a 80 quilómetros por hora, que poderían facilitar o cumprimento das velocidades máximas”.

O xefe de maquinistas indicou que a liña Ourense-Santiago conforma "unha transición descendente por infraestrutura da velocidade máxima, que pasa de 300 quilómetros por hora a 80 quilómetros por hora dunha forma brusca, sen un aviso previo por sinalización da vía e sen o amparo do ERTMS [sistema de seguridade]”.

Neste sentido, explicou que “esta transición”, ocorre “nunha zona de máxima atención e de risco pola citada transición de sistemas e pola sinalización lateral que hai que respectar”. Asegurou que só "existe un sinal de velocidade descendente (PTO) á altura do punto quilométrico 84.230, pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa”.

José Luis Carreira

O risco do tramo de Angrois foi tamén reiterado polo xefe de circulación da estación de Santiago, José Luis Carreira. Este empregado de Adif afirmou que o espazo do accidente “podía estar mellor sinalizado”.

Nesta liña, expuxo que a entrada na bifurcación da Grandeira é "complicada" e asegurou que “o risco que entrañaba ese tramo" da liña escoitoullo "a varios maquinistas cando estaban a comentar cousas do traballo", no momento no que se realizaban as probas da liña.

Veciñanza de Angrois

A vista desta quinta feira contou cos dous veciños de Angrois que auxiliaron o maquinista do Alvia, Francisco Garzón, tras producirse o sinistro. Un deles asegurou que após interpelar Garzón sobre as causas do accidente este contestoulle “que fora culpa del”, sinalando a continuación que “dixo que iso xa o tiñan denunciado, que non se podía circular por esa vía a esa velocidade”.