Xuízo do Alvia

Adif cre que Renfe debía evitar que se "molestase" ao maquinista no que recoñeceu como "punto crítico"

A directora xeral de seguridade, procesos e sistemas corporativos de Adif, Esther Mateo. (Foto: Europa Press)
Esther Mateo, directora xeral de Seguridade de Adif, propón unha medida "organizativa" equivalente á que xa existe no sector aeronáutico.

A actual directora xeral de Seguridade, Procesos e Sistemas Corporativos de Adif, Esther Mateo, expuxo esta terza feira unha nova medida, "complementaria" e de tipo "organizativo" que, de implementarse por Renfe "evitaría" o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, co resultado de 80 mortes e 140 feridos.

Segundo trasladou na sesión desta cuarta feira do xuízo que investiga o sucedido, primeiro na quenda da avogada do Estado, quen a propón como perito no xuízo, e despois a cuestións do fiscal, que se mostrou sorprendido por esta idea, o que considera que se podería facer para que o descarrilamento non se producise sería implementar unha medida "organizativa" equivalente á que xa existe no sector aeronáutico.

"Durante a engalaxe e a aterraxe non se pode molestar o piloto porque ten unha responsabilidade, e todo o persoal está en posición por se xorde un imprevisto", destacou. Esta é "unha suxestión", segundo precisou, que traslada dado que Avogacía do Estado preguntou por máis medidas, "alén das técnicas", que servirían de "barreira" fronte á traxedia.

"Iso non estaba implementado?", preguntoulle o representante do Ministerio Público, ao que Mateo respondeu que "non", co cal apunta directamente á responsabilidade da operadora ferroviaria, Renfe, sen procesados na causa —están acusados o maquinista, Francisco Garzón, e o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

En concreto, a comparecente considerou que sería "esencial" adoptar esta medida "organizativa" que supón "entender que ese punto no que se estaba achegando á estación —da capital galega— require ou pode requirir maior atención".

"É unha actividade crítica. En aeronáutica chámase cabina estéril. Toda a tripulación ponse en condicións e ademais está prohibido interromper o piloto, que é o que decide. Esa medida organizativa poderíase estudar porque é un punto crítico", advertiu.